AFAMON e o Concello de Quiroga organizan unhas xornadas formativas sobre envellecemento saudable


A Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer de Monforte (AFAMON) en colaboración co Concello de Quiroga, organizan unhas xornadas divulgativas e formativas sobre ‘Prevención e envellecemento saudable’ para as vindeiras semanas.
O día 7, Verónica López Álvarez, médico especialista en medicina familiar e comunitaria no PAC de Quiroga, tratará o tema “Prevención e factores de risco nas enfermidades neurodexenerativas”; mentres o dia 14 intervirá Laura Ramos Rúa, neuróloga do HULA, quen expoñerá as diferenzas entre o “Envellecemento normal e o patolóxico” .
Aínda que as xornadas teñan un interese e utilidade principal para persoas coidadoras, resultarán moi interesantes para toda a veciñanza co cal a asistencia é libre e aberta a toda a sociedade.
Dende AFAMON explican que os aspectos tratados están relacionados coa realidade actual das demencias neurodexenerativas. Por unha parte, a enfermidade de Alzhéimer así coma outras demencias neurodexenerativas non teñen cura, pero nalgúns casos si que podemos previr ou cando menos atrasar á súa aparición intervindo sobre determinados factores que aumentan ou diminúen a probabilidade de padecer estas enfermidades. Por outra parte, é importante coñecer e saber diferenciar cales son os síntomas iniciais dunha demencia neurodexenerativa para non confundilos cos do envellecemento normal e que poden ser propios da idade avanzada. Deste xeito, poderemos decidir se é conveniente acudir a un especialista para obter un diagnóstico.
Estas xornadas contan tamén coa colaboración de FAGAL (Federación Alzheimer Galicia) e están financiadas pola Consellería de Sanidade.
O concelleiro, Xosé Manuel Fernández, dende a Concellería de Servizos Sociais, e en nome do Concello de Quiroga, anima a participar nas charlas ás traballadoras e traballadores do sector asistencial e ás familias, agradecendo ademais a implicación da entidade AFAMON por tan interesantes xornadas que “axudarannos a todas e todos a concienciarnos, a entender mellor as demencias neurodexenerativas e a saber como afrontalas”.
