Agaca solicita medidas urxentes contra os danos provocados polo lobo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As comarcas de Ordes, Arzúa, Deza-Tabeirós e A Mariña Lucense sofren periodicamente ataques e danos, din
lobo
17 Sep 2024

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) trasladou esta mañá una petición á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia urxindo que non se ignoren os problemas derivados da abundante presenza de lobos nalgunhas comarcas galegas, que ocasiona danos directos ao matar gando pero tamén indirectos ao reducir a produción dos que sobreviven nas explotacións, que ven o seu benestar afectado.

Concretamente, estanse a detectar numerosos ataques de lobo a explotacións de vacún que teñen os seus correspondentes cercados. Os lobos comezan a pasearse preto das persoas, vixían aos animais constantemente e buscan o momento oportuno e a escuridade da noite para atacar. Basicamente, atacan e matan vacas enfermas ou preñadas e aos seus xatos máis novos. Vense testemuños na prensa de comarcas onde os lobos chegan a comer nos contedores do lixo das aldeas, con estimacións de mandas de máis de 20 exemplares.

Dende as cooperativas agrarias socias de Agaca entendemos que este grave problema de superpoboación de lobos debe ser xestionado. O lobo en Galicia non é unha especie en perigo de extinción, senón que está en franca expansión, e débese abrir un novo sistema de conservación onde a xestión das mandas permita a convivencia e o benestar do gando e reduza os potenciais riscos para a poboación.

"Cómpre resaltar que o necesario benestar animal das vacas se ve brutalmente afectado pola proximidade do lobo: ao temer pola súa vida están moi nerviosas, reducen o tempo de pastoreo e o consumo de alimentos, o que afecta a súa produción media. As vacas de leite que foron atacadas reducen moito a produción de litros/día, as vacas de carne e leite teñen máis problemas para quedar preñadas ou deixan de preñar, os xatos atacados reducen fortemente o consumo e non engordan. Nin a Administración nin os agroseguros cobren estas perdas", din.

Como exemplos, as comarcas de Ordes, Arzúa, Deza-Tabeirós e A Mariña Lucense sofren periodicamente ataques e danos, pois concentran moitos lobos, que forzan tamén a desaparición dos cabalos de monte.

"No medio rural galego ninguén propón o exterminio de ningunha especie, e menos do lobo. Pero a superpoboación non é soportable para os habitantes e conservadores reais do rural. Animamos á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a trasladar esta grave situación ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e á Comisión Europea", explican.

Solicitan que se actúe de inmediato para controlar a superpoboación de lobos en Galicia. "Esta carga de fauna salvaxe anima ao abandono das pequenas explotacións e impide a correspondente extensificación da actividade gandeira, limitando brutalmente o benestar das vacas, cabras, ovellas e cabalos que a propia Unión Europea aconsella e obriga aos gandeiros".

Por último, consideran que as indemnizacións son claramente insuficientes. "Indemnizar só o gando morto cobre unha porcentaxe moi pequena dos danos causados polo lobo. Se as vacas están sometidas constantemente ao estrés do lobo reducen a produción e este dano debe ser globalmente cuberto. Os gandeiros e gandeiras non teñen que soportar sós o custo de manter a fauna salvaxe: este custo debe ser soportado pola totalidade da sociedade".

Urxen que os responsables da fauna salvaxe tomen de inmediato medidas, "non ignoren a gravidade do problema, revisen o sistema de indemnización ás ganderías atacadas e se paguen rápido os danos reais que sofren".

"Agardamos solucións que trasladar aos gandeiros e gandeiras e á poboación rural afectada", conclúen.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16963410377502