Adxudicada a restauración da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro
A Xunta de Galicia vén de adxudicar os traballos de restauración, conservación e mantemento da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, en Pantón, por máis de 260.000 euros. Trátase dun templo declarado Ben de Interese Cultural (BIC), que constitúe un dos mosteiros máis relevantes da Ribeira Sacra na época medieval e está considerado como unha das xoias do románico en Galicia.
Coa actuación que agora se vai a executar preténdese reducir a presenza de humidades e a entrada de auga a través da cuberta do templo, así como mellorar a carpintería das ventás, o estado das fachadas, a sancristía ou o acceso a través do adro.
Así, os traballos, que impulsa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, suporán a substitución da actual cuberta, a eliminación de humidades nas bases dos muros e maila execución de novas carpinterías nas fiestras que garantan a ventilación. De igual xeito, renovaranse os rexuntados das fachadas exteriores, reordenarase o espazo da sancristía, substituíndo a porta de entrada e peche, e renovarase a pavimentación do espazo do adro para facilitar o acceso.
O prazo de execución dos traballos será de seis meses desde o inicio das actuacións.
RETABLOS DO SÉCULO XVIII
A igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, ao igual que outros mosteiros da zona, tivo as súas orixes na Alta Idade Media, cando os anacoretas poboaron as terras da Ribeira Sacra. En concreto, data do último terzo do século XII e da primeira metade do século XIII. Conta cunha planta basilical de tres naves e cabeceira tripla. De fábrica románica, conserva a cabeceira e parte dos muros perimetrais das naves, tanto ao interior como ao exterior.
No seu interior atesoura elementos moi destacados, como o conxunto de retablos, especialmente o maior, de principios do século XVIII, vinculado ao obradoiro de Francisco Castro Canseco, e o ciclo de pinturas murais que se descubriron no 1996, que foron restauradas pola Xunta a través da dirección xeral de Patrimonio cultural e que representan a Santa Cea, as lamentacións sobre o cristo morto, o xuízo final así como outras escenas como o nacemento de cristo ou Santa Ana.