Adega inicia este domingo unha nova quenda de roteiros pola provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A delegación de Lugo de Adega dá comezo este domingo o programa de roteiros co título Depredación da natureza ou autosuficiencia.
depredacion da natureza roteiros adega portada
13 Out 2022

A delegación de Lugo de Adega dá comezo este domingo o programa de roteiros 2022/23 que leva por título Depredación da natureza ou autosuficiencia.

"Nos últimos anos os intereses económicos son o compás de políticas colonialistas que co obxectivo de converter o rural nun gran polígono industrial, destrúen a biodiversidade e as formas de vida tradicionais. A eucaliptización, o negocio dos lumes, a implantación dunha fábrica como Altri na Ulloa, ou a actual vaga eólica son algúns dos temas que nos levarán neste curso polas provincias de Lugo e Ourense. Coñeceremos parte dos valores ambientais que poderían perderse, en colaboración con entidades e colectivos locais que que loitan por defender o territorio dos continuos ataques do sistema capitalista", explican.

Estase dando prioridade a proxectos que ocupan con cemento solos fértiles, destruíndo espazos naturais que aportan beneficios ecosistémicos ao entorno no que se atopan. Promóvese a eucaliptización de grande parte do País, coa perda de biodiversidade e de risco que isto supón. A implantación de macrocentrais eólicas con longas liñas de alta tensión asociadas, que fragmentan o territorio e cuxa produción se destina á exportación, non ao consumo interior.

Abrirán o programa este domingo 16 de outubro co roteiro O Courel revive sempre. Orlando Álvarez será quen nos guíe nesta andaina na que partiremos dende o Alto do Couto para achegarnos ata o Chan da Rogueira, dende onde cruzaremos a Devesa polo Carreiro dos Dez Regueiros, ata sair pola louseira dos Carrís ao Val de Ferreirós. Avanzaremos ata o miradoiro de Pico Polín, entre o Courel aburado e os eidos librados do lume. Descenderemos pola Serra da Lomba ata coller o Camiño de Parada nas Chas. Xa en Parada visitaremos a Fundación Uxío Novoneyra e reencontrarémonos con Juan de Vilar.

O percorrido ten unha lonxitude de 9 Km (3-4 horas) e é de dificultade media.

O seguinte será o 20 de novembro con O corazón da Galiza. Biodiversidade, auga e terra, por terras da Ulloa. En decembro, o 18 será O Miño ameazado en orixe, por Meira.

O 2023 comezarán o 15 de xaneiro coa ruta friolesa Mámoas e petróglifos: custodiando ós nosos ancestros. O 26 de febreiro será en Lugo A depredación a mantenta das nosas florestas e o 26 de marzo As aves na trampa do vento (A Mariña).

Xa na primavera, o 23 de abril visitarán na Fonsagrada A Fonte Sagrada; o 21 de maio tocará Biodiversidade ameazada polo lume no parque natural (O Invernadoiro) e rematarán o 25 de xuño con A loita dun pobo, gañar e perder, en Castrelo do Miño.

Os roteiros de Adega-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista Adega desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o territorio.

Na propia bitácora de Roteiros de Adega-Lugo irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva. As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de Adega-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de Adega gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

Así, o prezo xeral será de 18 euros, 12 para socios/as de Adega: 12€; 15 para estudantes ou en paro e 5 euros para os menores de 14 anos.

depredacion da natureza roteiros adega
0.18511199951172