Acordo das deputacións para dar estabilidade aos parques de bombeiros

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
As Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra acordan dar estabilidade laboral aos 400 traballadores e traballadoras dos parques de bombeiros
presidentes deputacion pontevedra lugo e coruna
4 Maio 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, anunciaron este martes tras unha reunión na sede da institución provincial lucense, no Pazo de San Marcos, o acordo das tres administracións para dar estabilidade e seguridade laboral aos 400 traballadores e traballadoras dos parques de bombeiros.

José Tomé explicou que as tres institucións, co aval dos servizos técnicos dos respectivos consorcios provinciais de control de incendios e salvamento, apostan por aplicar o recollido nunha recente sentenza de unificación de doutrina que ditou o Tribunal Supremo con respecto ao caso dunha traballadora do SAF de Navarra, un ditame xudicial “que abre a porta a darlles estabilidade e seguridade laboral aos traballadores dos parques de bombeiros, sen que teñan que pasar por un proceso selectivo”.

Polo tanto, aplicando esta sentenza, “o que faremos é estabilizar aos bombeiros como persoal laboral subrogado, mantendo a relación laboral de contrato indefinido coa Administración, sen levar a cabo un proceso de selección, que, de producirse, evidentemente, poderían supoñer cambios nas plantillas. Desta forma, estabilizamos as plantillas existentes”, subliñou o Presidente da Deputación de Lugo.

“Facémolo apelando á sentenza do Supremo, e tamén dende a defensa que sempre facemos dos dereitos dos traballadores e traballadoras, e para a prestación á cidadanía duns servizos públicos esenciais de calidade”, asegurou José Tomé.

“Isto xa é o que queriamos facer, e entendemos que a sentenza do Tribunal Supremo avala a nosa postura. Unha decisión que busca garantir a continuidade e a calidade na prestación dun servizo público esencial, ao tempo que dá estabilidade e seguridade laboral ós profesionais que agora o desempeñan”, incidiu o Presidente da Deputación lucense.

As deputacións informarán do acordo aos representantes dos traballadores, e trasladarán á Xunta o informe que elaborarán os respectivos servizos técnicos dos consorcios para artellar a materialización da medida, esperando que a Administración autonómica, que participa nestas entidades ao 50%, se sume a este posicionamento.

Pola súa banda, o Presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso, lembrou que a decisión vai afectar a 400 familias de traballadores, “que están sempre aí, nos momentos máis complicados, atendendo un lume, rescatando a unha persoa atrapada, respondendo a un accidente de tráfico. Uns servizos esenciais que son desenvolvidos por servidores públicos dende que no ano 2016 as tres Deputacións aquí presentes apostamos polo público, por reverter a situación de privatización destes servizos que daquela se producía en Galicia”.

Esta aposta polo público foi tamén salientada polo Deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, quen sinalou que acadar a estabilidade dos cadros de persoal “foi algo que xa considerabamos fundamental cando no ano 2016 lle formulamos á Xunta o cambio de modelo cara a xestión pública”. Para López Font resultaba imprescindible que “as Deputacións désemos unha resposta conxunta á sentenza do Tribunal Supremo que afecta ás cadros de persoal de bombeiros.

0.17065000534058