Achado un neveiro en Xunqueira de Espadanedo, un dos máis grandes de Galicia
Unha intervención arqueolóxica realizada no concello de Xunqueira de Espadanedo revelou un neveiro ou pozo da neve, usado para acumular neve e a súa posteriormente producir xeo, duns nove metros de diámetro e polo menos seis metros de profundidade.
As primeiras referencias a este neveiro corresponden ao século XVII, aínda que a súa construción podería ter lugar o século anterior.
O pozo en cuestión estivo arrendado ao cabido da Catedral de Ourense polo Mosteiro de Xunqueira. A intervención arqueolóxica revela que o teitume do mesmo, composto por tellas, atopábase en mal estado no século XVIII.
Nese momento, o cabido pagou case 3.000 reais para a construción dunha cuberta abovedada de pedra, obra do canteiro Antonio Castro.
A intervención foi realizada cunha subvención da Axencia Galega de Turismo concedida ao Concello de Xunqueira de Espadanedo, dirixiuna o arqueólogo Luis Cordeiro e o seu traballo centrouse no “baleirado interno, colmatado de pedra e dovelas polo derrubo”.
Tamén limparon a zona para determinar a superficie total do mesmo. Os traballos permitiron descubrir unhas escaleiras, o sistema de evacuación da auga e as dúas entradas coas que contaba este neveiro.
A documentación fai referencia a “varios neveiros”, dos cales tres xa están localizados, dous en Parada de Sil e o que acaban escavar, no termo de Xunqueira. Pero aínda hai outros “por aparecer ou ben xa foron destruídos”, aseguran.
Os arqueólogos traballaron durante tres semanas, e só queda rematar a escavación co valado e sinalización do pozo, que ademais contará con cartelería interpretativa para quen se anime a visitalo a partir de agora.