Ábrese o prazo de inscrición para as Escolas Deportivas Municipais de Chantada

O Concello de Chantada, a través da Concellería de Deportes, pon en marcha un novo curso das Escolas Deportivas Municipais baixo o lema “Deporte para todas/os”. As actividades darán comezo o 15 de setembro e desenvolveranse no Pavillón Municipal, nos pavillóns escolares, no Estadio de Sangoñedo e na Piscina Climatizada, cunha programación diaria ata o final do curso escolar.
A oferta abrangue desde nenos e nenas nados no 2021 ata persoas maiores de 60 anos. Haberá modalidades como fútbol sala, fútbol, bádminton, tenis de mesa, pádel, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis, voleibol, natación, patinaxe, atletismo, psicomotricidade e multideporte para a poboación infantil e xuvenil. Para adultos inclúense propostas como bailes de salón, pickleball, ximnasia de mantemento, sendeirismo ou patinaxe, entre outras. Ademais, mantéñense as actividades específicas para maiores de 60 anos e os programas adaptados en colaboración con Asdeme e Albores.
As escolas cumpren xa tres décadas de traxectoria e cada ano suman novas disciplinas. Nesta edición incorpóranse pádel para adultos, iniciación ao patinaxe e atletismo cross. Segundo explicou o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, “seguimos ampliando a oferta porque cada ano temos máis participantes, no curso pasado inscribíronse máis de 550 persoas e batéronse todos os récords. Deseñamos a oferta como servizo público denominado Deporte para Todas/os, con propostas participativas e inclusivas para promocionar hábitos deportivos saudables e mellorar a técnica e a disciplina deportiva. É ademais un servizo con vocación comarcal, e abrimos sempre a inscrición á mocidade e adultos doutros concellos”.
As inscricións están dispoñibles na web municipal, na Casa Consistorial, no Pavillón Municipal e nos centros educativos. Para formalizar a matrícula é necesario aboar a taxa correspondente no servizo de recadación do Concello antes do 31 de outubro.