A XXXIII edición da Festa do Caldo de Ósos presenta o seu cartel

RibeiraSacraXa
O deseño pertence á artista Rosa de Cabanas e céntrase en tres eixos fundamentais: muller, ruralidade e natureza
Presentación do cartel da XXXIII edición da Festa do Caldo de Ósos
Presentación do cartel da XXXIII edición da Festa do Caldo de Ósos de Taboada
14 Feb 2025

Esta mañá presentouse na sede da Deputación Provincial de Lugo, na Vicepresidencia, a nova imaxe gráfica da XXXIII edición da Festa do Caldo de Ósos. No acto participaron Efrén Castro, vicepresidente da Deputación; Xosé Portela, tenente de alcalde do Concello de Taboada, e Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura, Deportes e Medio Rural de Taboada.

O vicepresidente, Efrén Castro, destacou a aposta do Concello de Taboada e da área de Cultura por rescatar e poñer en valor o patrimonio inmaterial vinculado á celebración da Festa do Caldo de Ósos, renovando así un dos principais símbolos de identidade do municipio.

Pola súa banda, Xosé Portela subliñou a importancia de seguir escribindo e resignificando a historia viva da festa e do seu prato estrela, reforzando o lema que xa é emblema da celebración: "Máis ca unha festa gastronómica".

Unha imaxe renovada cun profundo significado cultural

Portela presentou con especial orgullo o novo deseño do cartel da XXXIII edición, unha obra innovadora e de gran valor artístico. A imaxe foi creada pola artista Rosa de Cabanas, cuxa acuarela logra capturar e transmitir a esencia desta festividade.

A ilustración reflicte o profundo imaxinario cultural e social de Taboada, un legado transmitido de xeración en xeración, especialmente polas mulleres do municipio. Portela enfatizou o papel fundamental destas mulleres na conservación da receita tradicional e do ritual cotiá que acompaña a súa elaboración, salvagardando e reconstruíndo unha tradición que segue medrando e nutríndose co tempo.

O deseño de Rosa de Cabanas céntrase en tres eixos fundamentais: muller, ruralidade e natureza. A artista desenvolveu diversas series de ilustracións nos últimos anos, entre elas Mulleres valentes (2021), Mulleres imaxinadas (2022) e Mulleres compañeiras (2023), nas que reivindica a complicidade e o apoio mutuo entre as mulleres ao longo da historia. No 2025, creou Mulleres co Mundo na Cabeza, unha obra que establece o vínculo perfecto entre a súa visión artística e a mirada que desde a Concellería de Cultura se proxecta sobre as mulleres de Taboada: aquelas que, como reflicte o cartel, sosteñen o mundo e o imaxinario da Festa do Caldo de Ósos sobre as sùas cabezas.

Este cartel supón un recoñecemento ao valor de preservar, protexer e transmitir o legado non só do caldo, senón do patrimonio inmaterial e da identidade cultural da localidade.

Unha festa que impulsa o desenvolvemento local

Durante a presentación, Xosé Portela definiu a Festa do Caldo de Ósos como unha plataforma de promoción do desenvolvemento local, na que converxen todos os matices identitarios e culturais do municipio. Máis alá do seu innegable atractivo gastronómico, a festa consolida a Taboada como un destino de referencia para os amantes da gastronomía de calidade. Ademais, pon en valor a produción local e rende homenaxe a un produto de quilómetro cero e máxima calidade, explotando de maneira sostible a riqueza agro-gandeira do territorio.

Portela concluíu a súa intervención convidando a toda a poboación a participar na XXXIII edición da Festa do Caldo de Ósos. Tamén adiantou que o programa de actividades, que se dará a coñecer nos vindeiros días, incluirá propostas para todos os públicos, combinando gastronomía, memoria, arte, música, cultura e lecer.

0.18264102935791