A XXX Mostra de Viños de Pantón puxo en valor a excelencia dos produtos vitivinícolas galegos

RibeiraSacraXa
Un total de 9 adegas participaron nesta edición que contou co apoio da Deputación de Lugo e da Consellería do Medio Rural
xxx-mostra-dos-viños-de-panton
12 May 2025

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este domingo na 30ª edición da Mostra de Viños de Pantón, que contou co apoio económico da Deputación de Lugo. A cita, que se celebrou no Campo da Feira do municipio da Ribeira Sacra, conta cunha achega da institución provincial de 28.227,61euros a través do Plan Deputación.

O programa de actividades incluíu este domingo a lectura do pregón a cargo do comunicador Marcial Mouzo e a actuación da orquestra Gran Parada. A edición deste ano reuniu a nove bodegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudaseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura e Corzoás. García Porto destacou que “a actividade vitivinícola é un bo exemplo da potencialidade do sector primario na provincia, que tamén é capaz de xerar turismo de calidade, de experiencias e sostible polo que levamos traballando desde hai anos na Deputación de Lugo”.

Precisamente, a organización da Feira apostou este ano por promocionar Pantón como destino turístico integral, complementando a programación con catas, actuacións musicais, experiencias sensoriais, a festa da empanada e facilitando os desprazamentos dos visitantes cun servizo de autobús desde Monforte de Lemos e Escairón.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou a excelencia dos produtos vitivinícolas galegos e o bo facer dos axentes do sector.

Nesta edición, nove adegas da zona, amparadas pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, participaron para amosar entre os asistentes a calidade dos seus viños. Por iso, a conselleira puxo en valor esta feira coa que se enxalza o labor dos viticultores nun enclave excepcional como é a Ribeira Sacra, un territorio marcado por este sector.

Actualmente esta DO conta cunha superficie inscrita de máis 1.300 hectáreas, case 2.170 viticultores e preto dun cento de industrias, cuxo valor no mercado supera os 21 millóns de euros. Neste sentido, a conselleira do Medio Rural destacou a importancia deste sector para Galicia e lembrou a importante aposta do Goberno autonómico por el, consolidado como unha das potencias económicas do agro na nosa comunidade.

Ademais, María José Gómez recalcou o apoio ao sector vitivinícola a través de diferentes axudas como son as de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, convocadas no pasado mes de abril cun orzamento de 4 millóns de euros, as que financian accións de promoción en terceiros países ou as destinadas a apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

A titular de Medio Rural destacou os esforzos do Executivo autonómico por fomentar a calidade dos produtos agralimentarios, así como a aposta pola súa promoción nos mercados. Neste sentido, o investimento en promoción para a mellora do posicionamento destas elaboracións materialízase a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada, ao que se destinan máis de 8 millóns de euros para financiar este tipo de actuacións e as achegas dos consellos reguladores.

Cómpre salientar que esta mesma semana, a Xunta estivo presente cun expositor na Feira Nacional do Viño celebrada en Cidade Real, na que participaron empresas do sector pertencentes á DO Ribeira Sacra.

⚙ Configurar cookies
0.1534960269928