A Xunta instalará en Monforte 128 trampas para velutinas

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte poñen en valor o inicio da colocación de trampas para capturar vespas velutinas no municipio que consistirán na colocación total de 128 trampas.
A voceira popular, Katy Varela, destaca que grazas ao trampeo anual realizado pola Xunta de Galicia durante os últimos anos, a incidencia da vespa velutina na vida cotiá dos monfortinos foi a menos e “xa o ano pasado houbo moitos menos avistamentos e menos accidentes coas persoas”.
Concretamente houbo unha diminución significativa de 2023 a 2024, cun descenso de 330 a 197 avisos.
Neste senso, a voceira popular recorda que “a loita contra esta especie invasora é cousa de todos e por iso precísase seguir potenciando a coordinación entre todas as administración, sectores produtivos afectados e a sociedade no seu conxunto”.
Un dos eixes sobre os que xira este trampeo é a xeolocalización, o que permite planificar e sobre todo controlar con maior detalle a loita contra este insecto “aumentando considerablemente a eficacia do sistema”. “Este trampeo xeolocalizado atende a unha das principais demandas do sector e permite facer un seguimento e estudar a evolución cos datos recollidos”, explicou.
Así, este trampeo é planificado, coordinado e xeolocalizado. As trampas instalaranse tomando de referencia a localización dos niños de velutina de anos anteriores, en coordinación con todos os axentes que as situarán no territorio (profesionais de Seaga e persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta, que xa está recibindo formación específica para estas tarefas). Por último, a xeolocalización permite realizar un seguimento exhaustivo da evolución das trampas, con revisións cada 15 días para actualizar os datos e repoñer o líquido.
Ademais, dende a Xunta de Galicia tamén se imparten charlas formativas co fin de informar a toda a sociedade da expansión da avespa velutina e trasladar a importancia de elaborar unha fronte común entre toda a sociedade. Nelas explícase á cidadanía como actuar en cada caso e danse indicacións sobre como se está a levar a cabo o trampeo.
Lembrar que está á disposición da poboación o teléfono de atención e información 012, no que se poderá notificar o avistamento dun niño de velutinas.