A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública en Quiroga

A Xunta de Galicia entregou este martes dúas vivendas de promoción públicas en réxime de alugueiro situadas na rúa Tallos de Quiroga. Os inmobles, de arredor de 82 metros cadrados, dispoñen de tres dormitorios, garaxe e rocho, e destínanse ao alugueiro.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega das chaves e lembrou que, cando unha destas vivendas queda libre, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) abre de novo o procedemento para asignala segundo a orde de inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. A inscrición neste rexistro pode realizarse en calquera momento, tanto en liña como nas oficinas do IGVS.
Durante o acto, Arias tamén destacou que a Xunta puxo en marcha unha liña de axudas para a reconstrución de inmobles afectados polos incendios. As subvencións poden chegar a preto de 150.000 euros no caso de vivenda habitual e a 71.400 euros para segundas residencias, incluíndo apoio económico para mobiliario e enxoval.
O delegado sinalou que se procurará axilizar a tramitación destas axudas e lembrou que Quiroga conta cunha das 16 oficinas habilitadas en Galicia para prestar asesoramento e facilitar a presentación das solicitudes.