A Xunta destina 5 millóns de euros a través dos fondos europeos para fomentar o turismo na Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destaca que o turismo nesta zona creceu un 20% nos últimos anos
Xosé Merelles no Congreso Internacional 'Fontes'
Xosé Merelles no Congreso Internacional 'Fontes'
29 Oct 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou que a Ribeira Sacra “é unha das xoias da oferta turística de Galicia, que está a medrar en número de viaxeiros un 20%”, ao tempo que afirmou que “está moi presente na planificación da Xunta de Galicia”. Neste sentido, enmarcou esta aposta firme do marco dos fondos europeos que dedican máis de 5M€ a reforzar a sostibilidade deste destino a través de distintas medidas para os vindeiros anos e que supoñen un impulso cualitativo ao turismo para xerar emprego, mellorar as economías locais e asentar poboación neste territorio.

Xosé Merelles participou este mércores no encontro Fontes -Patrimonio da Humanidade: coñecemento para conservar onde xunto coa directora da Axencia Galega de Desenvolvemento rural, Paz Rodríguez, abordou a participación no territorio desde distintos programas e iniciativas.

En concreto, o director de Turismo de Galicia subliñou iniciativas como o Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra aprobado hai uns anos por 2M€ ao que se suman o incluído no Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais autorizado este ano por outros 2M€ que busca o compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua, así como o proxecto que inclúe o Plan Xacobeo Next Generation na súa condición de Ben de Interese Cultural.  Trátase, en total, de 5M€ que permitirán poñer en valor turístico esta zona de xeito sustentable, restaurar o patrimonio cultural desta zona, adecuando camiños e sendeiros e actuando no contorno dos miradoiros, entre outras accións.

Motor socioeconómico do territorio

Neste sentido, engadiu que se trata “de toda unha planificación estreitamente ligada ao territorio, definida en base ás súas características e particularidades” que busca referendar que o turismo “é un motor socioeconómico que todo territorio debe ter en conta”. Así, destacou o bo comportamento do sector no que vai de ano constatado por previsións de entidades financeiras coma o BBVA que no seu último informe vén de vaticinar que a economía galega medrará á par que a española este 2024 e incluso por riba da media do país en 2025.

Referíndose aos últimos datos do destino Ribeira Sacra, Xosé Merelles destacou que “está a ser un dos xeodestinos que máis está a medrar”. Segundo o INE, nos primeiros nove meses de 2024, o segmento hoteleiro da Ribeira Sacra rexistra máis de 130.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 20%, e preto de 242.000 noites neste período, cifra que se sitúa como un máximo da serie histórica. “Isto repercutiu moi positivamente no sector da zona, cun incremento da rendibilidade hoteleira do 5%”, asegurou.

En relación ao encontro, Xosé Merelles salientou a oportunidade que brindou esta cita para que técnicos, investigadores, expertos e outros perfís analizasen casos de éxito, avaliasen distintos aspectos da candidatura ‘Paisaxe da auga: Ribeira Sacra’ e informasen sobre as redes creadas precisamente, para a difusión do patrimonio e a investigación.

Agader: enlace entre o desenvolvemento e a xestión territorial

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, salientou que as funcións desta axencia permiten actuar como un enlace entre o desenvolvemento rural e a xestión e preservación territorial. Deste xeito, ademais, colabórase tanto interadministrativamente como cos actores locais para fomentar un crecemento sustentable e inclusivo no territorio. Axúdase así a construír modelos de gobernanza pactada que nos permitan transcender á “retórica da participación”, transformándoa nunha forma ordinaria de goberno do territorio, subliñou Rodríguez.

Ao tempo, a representante da Consellería do Medio Rural puxo en valor o desenvolvemento dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, como os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, para impulsar a actividade agrogandeira, a recuperación urbanística e o mantemento da paisaxe cos seus elementos singulares. Elementos tales coma os socalcos, os valados, as alvarizas, a rede de camiños ou a recuperación dos bosques tradicionais, entre outros.

Neste sentido, a directora xeral destacou especialmente que a Consellería do Medio Rural investirá 2 millóns de euros o vindeiro ano co obxecto de contribuír ao mantemento da paisaxe a través dunha liña de axudas ligadas ao cultivo a man e a unha conservación de socalcos para evitar a súa desaparición.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1680018901825