A Xunta anuncia que destinará 500.000 euros para as adegas afectadas polo excedente de viño
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o compromiso do Goberno autonómico co sector vitivinícola galego e lembrou que se vai poñer en marcha un paquete de medidas para paliar os efectos do excedente de viño tinto que están a sufrir algunhas denominacións de orixe coma a Ribeira Sacra.
Durante a presentación do viño Heroica, da Adega Vía Romana, Rueda lembrou que cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas que hai en Galicia “ten a súa personalidade” e asegurou que é un sector que contará sempre co apoio da Xunta para aproveitar “as oportunidades” e afrontar “os retos do futuro”.
A Xunta leva tempo traballando xunto ao sector na busca de solucións ao excedente de viño, unha problemática que viven outras zonas vitivinícolas de toda Europa, e tamén de España, ante o descenso de consumo deste produto na poboación.
Nesta liña, o Goberno autonómico vai convocar nas vindeiras semanas axudas para a destilación de crise para apoiar ás adegas na xestión dos excedentes. Serán 500.000 euros con posibilidade de ampliar ata os 2,4 millóns de euros de fondos propios da Xunta.
Axudas para os adegueiros
E ademais, tal e como explicou Rueda, antes de que finalice o ano tamén se lanzará unha nova liña de achegas para os produtores para a conservación desa paisaxe tan característica da viticultura heroica, dotada de 2 millóns de euros.
Por outra banda, a Xunta volverá a convocar axudas para que os adegueiros accedan a préstamos de cara á recollida de uva e manterá os apoios doutros anos como achegas para a reconversión dos viñedos, a promoción dos viños en terceiros países ou os custes da súa comercialización.
Por último, tal e como se adiantou no Consello desta semana, tamén se organizarán actividades de divulgación para informar sobre as oportunidades que ofrece a Política Agraria Común ao sector, e se reforzará a estratexia de promoción desta denominación de orixe.
Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, o presidente salientou a importancia da Ribeira Sacra coma referente no eido da viticultura, con máis de 2.100 viticultores e preto dun cento de adegas, así como pola súa singularidade da súa paisaxe formada, en gran parte, por socalcos e pola riqueza cultural que fan desta zona un lugar cada vez máis atractivo para os turistas.
Ademais, lembrou o traballo “e esforzo” conxunto de moitos axentes e entidades durante anos para que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola Unesco pola súa paisaxe, cultura e singular produción vitivinícola. “Temos que coidar con sentidiño deste tesouro no corazón de Galicia no que hai moito futuro”, indicou.
Contestación do Sindicato Labrego Galego
Desde o Sindicato Labrego Galego mostran a súa sorpresa antes o anuncio do Goberno da Xunta de lanzar unha nova liña de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos. Así, dende SLG-CCLL "acollemos con precaución e certo grao de escepticismo, pero sobre todo, con moitas dúbidas".
Así, pregúntanse que "para que serve a destilación de crise se as adegas seguen comunicando que non recollen? A Consellería manifestou que está dende hai meses tratando este tema, polo que entendemos que tamén deberíamos saber xa que volume e que adegas van acollerse ás axudas de destilación".
Ademais, cuestionan, "cales van ser exactamente os importes? Os custos de produción da Ribeira Sacra triplican os do Estado español, polo que semellan uns importes moi baixos pola superficie media que teñen os viticultores".
Por outra banda, a publicación da Orde será cara final de ano, pero as persoas viticultoras levan facendo os gastos todo o ano e moitas poden quedar sen ingresos. "Se nin sequera se van coñecer as condicións para acceder ás mesmas ata o mes de decembro, moito máis tardarán en cobralas, polo que a falta de viabilidade do proxecto produtivo pode levar ao peche", sosteñen.
Con todo, solicitan unha xuntanza coa Consellaría do Medio Rural a fin de "poder aclarar as dúbidas suscitadas polo anuncio realizado, así como información máis detallada sobre a estratexia de actuación no seu conxunto e instan á Consellería á convocatoria dunha Mesa do Viño con representación das organizacións sindicais, onde podamos elaborar un plan integral de actuación para o sector vitivinícola galego que aborde as necesidades máis inminentes pero tamén actuacións a longo prazo".