A XLI Feira do Viño de Quiroga foi todo un éxito
A XLI Feira do Viño de Quiroga, que tivo lugar este fin de semana, desde o 7 ata o 9 de abril, foi todo un éxito de participación cidadá debido a que foron tres días cheos de actividades nas que o viño foi o protagonista indiscutible.
Durante a primeira xornada, do venres 7 de abril, púxose en valor a viticultura heroica cunha mesa redonda aberta na que se falou sobre este tipo de viticultura. O embaixador do Cervin (Centro de Investigación, Estudio, Salvaguarda, Coordinación y Valorización de la Viticultura de Montaña) en Canarias, Manuel Capote, adegueiros das Illas Canarias e o adegueiro local Pablo González, en representación da Ribeira Sacra, presentaron a forza, a tenacidade e a paixón con que os viticultores traballan nas zonas que producen “Vins Extremes”, onde as condicións para producir viño son unha loita continua.
Da mesma maneira, pola tarde, organizouse un “Túnel do Viño” na praza Maior cos alumnos do ciclo formativo de Servizos da Escola Belarmino Fernández Iglesias de Sober como sumilleres e unha exposición de 43 viños producidos na Ribeira Sacra e nas Canarias, representando a estas illas estarán as adegas El Lomo (D. O Islas Canarias), Comarcal de Güimar (D.O Güimar) e Domínguez Cuarta 4 Generación (D. O Tocorante- Acentejo).
Xa o sábado tivo lugar o Festival Celtibérico de Bandas de Gaitas, que este ano levou por nome 'Memorial Muíño', en lembranza da figura do artesán e investigador José María Alfonso García Muíño.
Oito bandas actuaron no certame que comezou no Auditorio Municipal e que remataron no recinto feiral. Estas bandas foron: a da escola de gaitas San Martiño de Quiroga, a municipal de Chantada e a do Concello de Monforte de Lemos; ademais das bandas do Concello do Bolo, Fuentes Nuevas de Ponferrada, a ourensana Ladies Band, Agarimo de Catabois e Real Xuvenil de Ourense.
Ademais das oito bandas inscritas no certame, tamén actuaron destacados artistas do mundo da gaita como o asturiano El Pravianu e os galegos Nadia Vázquez e David Bellas, ademais do músico Alexander Suárez, especialista en gaita irlandesa.
Xa á noite tivo lugar o pregón de Carlos Sobera, un acto multitudinario no que as persoas asistentes puideron desfrutar das palabras do cómico e presentador de televisión.
Por último, o domingo, entregáronse as medallas aos colleiteiros participantes e celebrouse unha actividade de teatro infantil "Mister Blue" na praza da rúa Lago. Para poñer punto e final á cita, as charangas "NBA" e "Terras do Bibei" actuaron no recinto feiral.