A xanela de Sèvres

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
11 Xuño 2023

Por Moncho Paz

En n 1999 Ramón Chao publicaba a novela ‘Prisciliano de Compostela’, traducida a varios idiomas e que inspirou o documental ‘O camiño de Ramón Chao. Tras as pegadas de Prisciliano’, dirixido por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, e preestreado o pasado 23 de maio no Instituto Cervantes de París. Nesta obra, Chao relata unha viaxe en motocicleta dende o bulevar de Montparnasse da capital francesa até terra galega, seguindo o roteiro vital do bispo de Ávila, Prisciliano de Gallaecia, decapitado en Tréveris no ano 385, tras denunciar a corrupción da Igrexa católica e ser acusado de herexía polo goberno secular.

Durante aquela viaxe coñeceu a diversas persoas que, cos seus contos, marcáronlle as seguintes etapas do camiño. En realidade, trátase de dúas historias paralelas, a da vida do bispo mártir e a da traxectoria persoal do autor, nunha trama que se mantén cun ritmo sostido respecto á sorte que corren os personaxes e cunha atinada descrición dos escenarios e outros lugares que aparecen ao longo da narración. Non se trata dun libro de viaxes nin tampouco dunha novela de intriga, mais o certo é que engancha ao lector dende as primeiras páxinas.

Ramón sempre declarou a súa fonda admiración polo mundo literario de Álvaro Cunqueiro e de Torrente Ballester, aos que coñeceu sendo un raparigo, pois ambos eran clientes habituais da fonda Chao cando paraban en Vilalba. A influencia do realismo máxico destes dous autores no discorrer no texto sobre Prisciliano é máis que evidente, xunto á atmosfera característica de Buñuel, que tamén se aprecia na descrición dos personaxes e na construción das diferentes situacións.

Levaba dez anos sen visitar París. Quixo o destino que esta viaxe coincidira nas mesmas datas que as dúas anteriores, será cousa do espírito do maio francés. En 2013 estivera con Ramón na casa de Sèvres redactando os estatutos da Asociación Cultural Amigos de Prisciliano, como paso previo á selección dos socios fundadores e do resto de persoas que integraríamos a xunta directiva. Naquelas datas, embarcamos nun avión cara a Compostela, dende o aeroporto Charles de Gaulle, para acompañar a Manu no festival Reperkusión, que se celebraría poucos días despois na Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense). A viaxe anterior fora en 2010 -tamén a mediados de maio- para asistir á presentación de ‘Priscilliane de Compostelle’, traducida ao francés por Anne-Marie Casès e publicada pola editorial Terre de Brume. A longa conversa que mantivemos tras rematar o acto deu lugar á entrevista titulada “Entrei en Radio France porque falaba galego”, que vería a luz nas páxinas de Xornal de Galicia un par de meses despois e pola que recibiría posteriormente o premio Johán Carballeira de xornalismo.

Aquela estadía en París foi determinante para min. Serviume para tentear a Chao -unha vez máis- coa miña teima de convencelo para que regresase a Vilalba, identificada como Reigada no conxunto da súa obra; percibía claramente que precisaba dar ese paso para pechar o seu círculo vital. O momento máxico chegaría tamén en primavera: o 15 de abril de 2011, Ramón visitou Vilalba, ofreceu unha charla na Casa da Cultura e xuntos vivimos unha experiencia sublime.

E agora volvo a París no quinto cabodano do seu pasamento. O feito de visitar novamente a casa de Sèvres, remexendo os seus papeis no estudo con Antoine, foi un intre especialmente emotivo para os dous. O Pleyel de cola, os cadros e os cartaces, as anotacións, libros e máis libros, xunto a unha morea de recordos enviados por min durante anos, puxéronme a pel de galiña. Permanecín un bo rato en silencio na súa xanela, pola que entraba a brisa, mentres ollaba cara aos carballos e castiñeiros do xardín. Botei en falta o pequeno magnolio da fonda Chao, co que o agasallaramos en Vilalba e que plantara na fachada da casa. Antoine confesoume que desapareceu polas malas artes dun xardineiro pouco espelido, que o cortou por erro, causándolle un fondo desgusto ao noso prezado Ramón.

A fascinación que sentía Chao pola figura histórica de Prisciliano é a liña condutora do documental que presentamos hai uns días na cidade da luz; ao mesmo tempo, organizamos unha mostra con fotografías, libros e obxectos persoais do escritor (o auténtico rebelde da familia), que nos leva a facer un percorrido polos camiños dun home bo e xeneroso, comprometido coa cultura do noso tempo, e que non cabe en ningún documental nin en ningunha vitrina. Esta exposición, que se poderá visitar ata o vindeiro 30 de xuño na sede do Instituto Cervantes (11, Avenue Marceau) é un acto de amor e de amizade, unha lembranza especial a un persoeiro irrepetible. Ramón, sempre connosco!

xanela sevres
0.18197011947632