A Valedora insta á Consellería a acelerar os trámites da Dependencia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Confirma ante o Sindicato Labrego Galego a persistencia de atrasos nas valoracións das persoas solicitantes de Dependencia e Discapacidade.
margarita ledo dependencia
23 Feb 2024

Confirma ante o Sindicato Labrego Galego a persistencia de atrasos nas valoracións das persoas solicitantes de Dependencia e Discapacidade.

A vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto Ledo, presentou no ano 2022 e 2023 sendas denuncias á Valedora do Pobo para informala dos "persistentes atrasos" nas valoracións de dependencia e discapacidade por parte da Consellaría de Política Social e Xuventude. A Valedora, María Dolores Fernández Galiño, vén de dirixirse á vogal do colectivo para confirmar as denuncias realizadas polo SLG, constatando ao respecto das valoracións de discapacidade que “na actualidade, no que se refire á discapacidade confirmase o expresado na queixa; as valoracións da discapacidade coñécense cun amplo atraso, posto que actualmente estanse a valorar os expedientes con prioridade estándar iniciados en agosto de 2021, é dicir, dous anos e medio despois da solicitude, a pesar de que o prazo é de 3 meses.”

A Valedora tamén corrobora ao SLG que, malia terse dirixido en varias ocasións á Consellaría por mor das denuncias realizadas tanto polo Sindicato Labrego como por outras entidades e persoas, “[...] persisten as esperas, mesmo superando os dous anos en Lugo, polo que apréciase a necesidade do adoptar e aplicar as medidas engadidas que sexan precisas para lograr que as valoracións correspondente a Lugo se leven a efecto nos prazos previstos.”

No relativo á valoración de dependencia, abonda a Valedora, confírmase tamén a denuncia realizada pola vogal do SLG ao respecto do incumprimento dos prazos estipulados por Lei. Polo tanto, advirte María Dolores Fernández Galiño, “tamén neste caso se aprecian atrasos que habería que corrixir; deberán adoptarse todas as medidas anunciadas e no seu caso as que tamén foran precisas para corrixir os atrasos nas valoracións de dependencia, que prexudican ás persoas afectadas ao atrasar o eventual servizo ou prestación”.

O SLG recolle tamén outras apreciacións da Valedora "ante a gravidade da situación denunciada polo SLG, que afecta ademais a un colectivo sensibelmente vulnerable como é o das persoas dependentes e as súas persoas coidadoras". Así refliecte a recomendación que fai á Consellaría de Política Social e Xuventude: “Que con carácter xeral se habiliten os medidas anunciadas e as demais que se consideren precisas para corrixir os atrasos nas valoracións de discapacidade en Lugo, que prexudican ás persoas afectadas ao atrasar o acceso os eventuais beneficios; e que tamén habiliten as medidas anunciadas e as demais precisas para corrixir os atrasos nos valoracións e aprobación dos PIAs de dependencia, que prexudican ás persoas afectadas ao atrasar o servizo ou prestación que corresponda”.

A vogal do Sindicato Labrego Galego no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto Ledo, valorou moi positivamente a resposta da Valedora do Pobo, se ben no que respecta á Consellaría de Política Social e Xuventude criticou que “é intolerábel que un servizo tan sensible como é o da atención á dependencia e os recoñecementos de discapacidade teñan que ser continuamente pelexados ca Administración, que persiste nas súas actuacións deficientes e cando é requirida a corrixir estas eivas activa medidas de cara á galería, moitas veces publicitadas con gradilocuencia nos medios de comunicación, que para nada solucionan o problema de fondo. Dende o Sindicato Labrego Galego pedimos algo moi simple á Consellaría: boten contas das solicitudes emitidas, estuden o tempo que leva a súa tramitación e contraten os medios humanos e materiais para que a mesma poda ser realizada no tempo estipulado por Lei. Niso consiste a responsabilidade de xestionar orzamentos públicos para fornecer servizos á cidadanía, ser eficaces na prestación de servizos é o obxectivo máximo de calquera administración, non é de recibo que unha cuestión tan relevante como é a asistencia a persoas dependentes teña un mal funcionamento cronificado, que leva a que centos das persoas que solicitan este servizo morran antes de acceder ao mesmo.”

0.18826079368591