A unidade de atención temperá e post-temperá da Ribeira Sacra recibe a visita do alcalde de Quiroga
O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e a concelleira de Servizos Sociais, Loli Sánchez, veñen de visitar as instalacións do Servizo de Atención Temperá e Post-Temperá situadas na Ribeira Sacra.
No transcurso da visita tiveron ocasión de falar cos profesionais que atenden a esta unidade que da servizo ós concellos de Quiroga, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Bóveda, Sober, O Saviñao, Pantón e Pobra do Brollón.
O servizo conta cun equipo multidisciplinar que ofrece os servizos de: logopedia, psicoloxía, fisioterapia, terapia ocupacional e pedagoxía terapéutica.
As dificultades que se atenden son: problemas emocionais e psicolóxicos, dificultades do vínculo e das relacións sociais., manifestacións precoces no ámbito da saúde mental infantil, problemas de fala, voz, audición, deglución, linguaxe oral e/ou escrito, problemas motores e problemas de aprendizaxe e outros vinculados ó ámbito escolar.
Para acceder o servizo o usuario deberá pertencer a un dos 8 concellos que constitúen a agrupación de concellos e ter entre 3 e 6 anos no caso de Atención temperá e entre 7 e 12 anos, no de atención Post-temperá.
O Centro de Unidade Temperá púxose en marcha en setembro do 2020 para dar servizo á comarca de Quiroga, e dous anos despois é todo un referente na zona sur da provincia de Lugo que da servizo a oito concellos. Ademais a Unidade de Atención Post-Temperá posta en marcha a finais de setembro é pioneira en toda Galicia.
Centralizados en Quiroga, estes servizos contan cunha delegación no concello do Saviñao, para facilitar a atención dos menores reducindo o desprazamento dos usuarios desta zona e incluso os profesionais se desprazan a outros concellos como no caso de Folgoso do Courel.
A atención na Unidade de Atención Temperá, á que poden acudir os nenos sen que teñan problemas definidos xa que o que se pretende é axudalos a acadar un desenvolvemento evolutivo adecuado, é principalmente a través do servizo de pediatría, que fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden poñerse directamente en contacto con este servizo para que os informen de cal é o proceso a seguir. No caso da Unidade de Atención Post-Temperá precisase ter un trastorno no desenvolvemento diagnosticado.