A UNED de Monforte pon en marcha un programa para maiores de 55 anos centrado no patrimonio da Ribeira Sacra

A Aula Universitaria da UNED en Monforte incorpora por primeira vez á súa oferta o Programa Sénior, unha iniciativa pensada para persoas maiores de 55 anos que queiran ampliar coñecementos sen que sexa necesaria formación académica previa.
A estrea do programa realízase co curso “Unha aproximación ao patrimonio histórico-artístico na Ribeira Sacra”, que será impartido por Ruth Díaz Amor entre o 24 de febreiro e o 9 de xuño. A formación será presencial e desenvolverase os martes, de 17.00 a 19.00 horas, nun total de 15 sesións.
A matrícula ten un custo de 50 euros e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 19 de marzo a través do correo electrónico monforte@lugo.uned.es
, onde tamén se pode solicitar máis información.
O alcalde, José Tomé Roca, destacou o valor engadido desta proposta, sinalando que o programa sénior, “ademais de ofrecer aprendizaxes e un mellor coñecemento do entorno cultural, favorece a comunicación, as relacións sociais e o encontro interxeracional”. Ademais, puxo en valor a evolución do centro asociado, “que precisamente este ano vén de acadar un récord histórico de participación superando por primeira vez as 100 inscricións no conxunto da súa oferta académica”.
O curso abordará a riqueza histórica, artística e natural da Ribeira Sacra, territorio candidato a Patrimonio Mundial da Unesco, cunha metodoloxía baseada na observación, a reflexión e a análise para facilitar a identificación dos principais referentes patrimoniais da zona e a súa contextualización histórica.