A Sociedade Micolóxica Lucus presentou a ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’ na Pobra do Brollón

A Casa da Cultura Olga Novo acolleu este pasado xoves, 13 de novembro a presentación da segunda edición da ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’, unha publicación editada pola Sociedade Micolóxica Lucus en colaboración co Concello da Pobra do Brollón e o colectivo Os Lactouros.
A obra achega o mundo dos fungos ao público xeral cun enfoque divulgativo e accesible, pero mantendo o rigor científico. A guía inclúe fichas fotográficas e descricións detalladas de 202 especies, a maioría delas comúns na provincia de Lugo, e menciona nas observacións ata 384 especies adicionais, converténdose nunha referencia para persoas que se inician na micoloxía ou que desexan ampliar coñecementos.
O libro tamén dedica espazo a conceptos básicos sobre identificación, toxicidade e comestibilidade, ademais de ofrecer nocións sobre a lexislación vixente en materia de recolección. A introdución aborda as condicións climáticas e ambientais que explican a riqueza micolóxica da provincia de Lugo.
Desde o Concello destacan que esta iniciativa é unha oportunidade para poñer en valor o patrimonio natural da comarca e fomentar un achegamento responsable ao mundo dos fungos. A presentación estará aberta ao público ata completar aforo.