A Sociedade Galega de Ornitoloxía súmase á oposición contra o proxecto eólico no Courel

RibeiraSacraXa
A SGO pide declarar a montaña galaico-leonesa área de exclusión de proxectos eólicos polo seu "gravísimo" impacto ambiental
parque eólico muíños vento
25 Feb 2021

A Sociedade Galega de Ornitoloxía súmase ás manifestacións de rexeitamento contra o proxecto de creación dun parque eólico en Barjas, nos montes compartidos dos Ancares e O Bierzo. O colectivo fixo chegar as súas consideracións ao período de consultas previas deste e doutros proxectos eólicos, como Rebordochao, Prada, Neboada, Xeada, Orballeira e Ventumelo.

Estes parques eólicos, din, están proxectados na montaña galaico-leonesa "que alberga un conglomerado de espazos da Rede Natura 2000 con alto valor ambiental". Na documentación remitida no período de consultas, a Sociedade Galega de Ornitoloxía deixa constancia "da necesidade dunha avaliación ambiental estratéxica de todos estes proxectos, que supoñen no seu conxunto un gravísimo impacto ambiental con efectos acumulativos e sinérxicos que ocasionarán unha severa afectación á diversidade de fauna, flora, hábitats e paisaxes presentes nesta área de alta diversidade biolóxica no contexto ibérico".

Na zona atópanse, lembran, "algunhas das especies de grandes vertebrados máis ameazadas de Europa e cuxas áreas vitais transcenden aos espazos protexidos que se sitúan arredor das zonas de implantación dos parques eólicos e solares".

Entenden que a afección de cada parque e as súas infraestruturas asociadas non debería contemplarse de xeito independente, e instan a declarar a montaña galaico-leonesa como "área de exclusión de parques eólicos" ou, de non facelo, cando menos "establecer unha avaliación ambiental conxunta antes de aprobar calquera proxecto de ámbito estatal ou autonómico".

0.11552715301514