O Auditorio de Quiroga acolle a XXII edición do Simposio sobre a Ensinanza da Xeoloxía

RibeiraSacraXa
A iniciativa está organizada pola Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPCT) nas Montañas do Courel grazas á Deputación de Lugo
Presentación-Simposio-sobre-a-Ensinanza-da-Xeoloxía-Montañas-do-Courel
5 Jul 2024

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o presidente do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, Roberto Castro González, presentaron no Pazo de San Marcos a vixésimo segunda edición do Simposio sobre a Ensinanza da Xeoloxía, organizado pola Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPCT) nas Montañas do Courel grazas á Deputación de Lugo.

Pilar García Porto avanzou no acto de presentación que o simposio reunirá a 175 profesores procedentes de toda España, marcando un fito histórico xa que a colaboración da institución provincial co Xeoparque Montañas do Courel, ao que achega 20.000 euros, fará posible que “este evento de gran relevancia” poida celebrarse por primeira vez nun entorno rural.

Sinalou que, grazas á contribución da Deputación, se poderá levar a cabo a complexa loxística que supón a organización desta cita, destacando que “os participantes poderán aloxarse na contorna e desprazarse ata Quiroga cada día para asistir ás reunións e actividades que se desenvolvan no marco deste simposio”.

Durante o evento, que se realizará no Auditorio Municipal de Quiroga, os participantes desfrutarán de conferencias, mesas redondas, talleres e visitas ao Xeoparque, explorando temas de grande relevancia científica e didáctica.

García Porto destacou que a celebración deste encontro nas Montañas do Courel enriquecerá esta cita, porque segundo apuntou, “a Serra do Courel presenta unha gran variedade litolóxica, que abarca a historia xeolóxica da comarca, porque é unha zona rica en estruturas tectónicas, como fallas. É un lugar significativo para a paleontoloxía, un territorio rico en minerais, e en paisaxes kársticas”.

Engadiu, ademais, que “a Serra do Courel forma parte da Rede Natura 2000, unha das áreas de conservación da natureza da Unión Europea”. Lembrou Pilar García Porto que esta colaboración responde o forte compromiso que a Deputación de Lugo mantén coa posta en valor e a promoción deste territorio, “fomos a principal administración galega que traballou xunto cos concello de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, para conseguir a declaración do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, o primeiro recoñecido en Galicia, no ano 2019”.

Pola súa banda, o presidente do Xeoparque Mundial Montañas do Courel agradeceu a colaboración da Deputación, pois “fai posible que este evento de referencia nacional chegue a este territorio”. Algo que servirá, “para promocionar o Xeoparque Mundial Montañas do Courel, do que forman parten os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, que contan cunha xeoloxía singular, e un medio natural e social de enorme interese"; subliñou Roberto Castro.

O XXII Simposio sobre a Ensinanza da Xeoloxía desenvolverase desde o vindeiro luns, día 8 de xullo, ata o sábado 13 de xullo, un amplo programa de actividades con conferencias, mesas redondas, talleres, así como actividades culturais e lúdicas e saídas de campo ao Xeoparque das Montañas do Courel.

O encontro, no que participarán especialistas sobre temas de interese científico e didáctico, busca ser un período de encontro aberto a todas aquelas persoas que comparten intereses e inquedanzas en torno á ensinanza e divulgación da xeoloxía e das ciencias da Terra.

0.13542413711548