A Semana Cultural de Salcedo enche a parroquia de concertos, obradoiros e conferencias
Esta semana volve a Salcedo a súa Semana Cultural, con múltiples actividades en torno ao proxecto de arqueoloxía da aldea, Penas do Castelo (en colaboración coa Asociación Veciñal de Salcedo e o concello da Pobra do Brollón).
Hoxe domingo 21 haberá un obradoiro infantil no local multiusos de Salcedo ás 12.30 horas no que os participantes traballarán en torno a unha pedra misteriosa hoxe desaparecida.
Trátase dun petróglifo gravado con figuras humanas, xinetes e armas cunha azarosa historia da que se conservan unicamente fotografías. O obradoiro consistirá en facer unha reprodución dos motivos da pedra para a súa instalación nalgún lugar público para recuperar a memoria da mesma.
A partir do martes 23 recuperarase a actividade con charlas. Ese día, o arqueólogo Tito Concheiro falará sobre “castros tolos” ás 20.30 horas na Salanova. Analizará con veciños e veciñas castros peculiares cos que se ten atopado ao longo da súa dilatada carreira, en relación á extravagancia do xacemento de Penas do Castelo.
O mércores ás 20.30 horas na Cantina de Julia será Benito Vilas, director das escavacións en Penas do Castelo, quen fale do propio xacemento analizando as datacións presentadas a finais do ano pasado que indicaban un xacemento excepcionalmente antigo. A intervención de Benito irá precedida dunha breve exposición sobre as orixes de Salcedo a través da documentación medieval.
E esa mesma noite ás 23.00 horas haberá unha andaina ata o xacemento da Roda do Castro onde se fará unha observación do ceo nocturno a cargo tamén de Benito Vilas.
O xoves será a última actividade, que tamén terá lugar ás 20.30 horas, neste caso no local multiusos (coñecido localmente como “a Nave”). Alí veciños e veciñas farán lecturas de textos de A Voz de Salcedo, unha antiga revista editada pola Asociación Veciñal e que se quere reivindicar dende o presente. No mesmo espazo a poeta Noa Moreira fará un recital de poemas inéditos. Como non podía ser doutro xeito en Salcedo, parroquia con gran tradición musical, a actividade acabará cunha actuación sorpresa.
Está previsto que continúen as actividades culturais e divulgativas ao longo do mes de setembro, coincidindo coa segunda escavación de Penas do Castelo. O ciclo Cos Pés na Terraza, pola súa banda, continuará o venres 2 de setembro con concerto de Hainas no restaurante O Fogón de Cereixa.