A Romaría da Ermida podería converterse en Festa de Interese Turístico

RibeiraSacraXa
O Concello de Quiroga solicitará á Xunta de Galicia que recoñeza o valor desta festa como patrimonio inmaterial galego
romaria-da-ermida-quiroga
Romaría da Ermida, Quiroga
3 May 2025

A Corporación Municipal de Quiroga aprobou por unanimidade, en sesión plenaria, solicitar a declaración da Romaría da Ermida como Festa de Interese Turístico de Galicia. A proposta, presentada polo departamento de Turismo do Concello, nace dunha iniciativa parroquial promovida polo párroco Jesús Río e conta co apoio de diversas asociacións. O obxectivo é que a Xunta recoñeza oficialmente o valor desta celebración como parte do patrimonio inmaterial galego. Tal como sinalou o tenente de alcalde, Vicente Parra, esta declaración serviría “non só a nivel afectivo e emocional, senón tamén como unha tradición que a xuventude debe recoller con máis forza”.

A solicitude vai acompañada dunha ampla documentación que acredita o cumprimento dos requisitos esixidos, entre os que se atopan a antigüidade, a singularidade, o arraigo, o valor cultural e as accións de promoción realizadas ao longo dos anos.

Na memoria técnica, elaborada polo historiador Manoel Carrete, destácase o gran valor cultural desta romaría, que se celebra de maneira case ininterrompida desde o ano 1622, sendo interrompida unicamente nos anos 2020 e 2021 debido ás restricións sanitarias derivadas da pandemia. Desde os seus inicios, esta celebración transcendeu os límites parroquiais e, na súa última edición, reuniu arredor de cinco mil persoas.

A memoria recolle en detalle os elementos que conforman este evento, desde a novena preparatoria ata a procesión e os ofrecidos, entre os que destacan tanto os fieis que acoden descalzos como os amortaxados, é dicir, aqueles que cubren a cabeza cun pano branco en sinal de ofrenda pola curación dunha doenza grave. Todos estes actos xiran arredor da Virxe dos Remedios, figura central da festa, e están acompañados por personaxes singulares como o Meco e as Pampórnigas, así como por elementos simbólicos como os exvotos. Estes últimos inclúen tanto as ofrendas que deixan os fieis que recibiron un don ou curación como os cadros votivos, unha capela portátil e unhas esposas que se conservan na igrexa.

A novena, que se celebra entre o 30 de agosto e o 7 de setembro, conta cunha destacada participación de veciños tanto da localidade como doutras zonas do municipio. Entre os ritos que se manteñen destaca a interpretación de nove loas á Virxe por parte dun pequeno grupo de homes, unha tradición ancestral que continúa viva.

Durante os días centrais da celebración, a procesión da Virxe dos Remedios segue unha disposición característica. Abre o desfile o Meco, figura enmascarada que, segundo os expertos, data dos séculos XVII ou XVIII. O Meco anuncia a súa presenza cunhas castañolas e, cunha vasoira de toxos, vai abrindo paso ao corteixo procesional. Ségueno as Pampórnigas, dous xigantes que simbolizan a un home e unha muller, dos que hai referencias documentais no arquivo parroquial desde finais do século XIX. A continuación, un grupo de gaiteiros interpreta unha peza tradicional da comunidade, recuperada polo gaiteiro Colomán González. Tras eles desfilan os elementos relixiosos: o estandarte parroquial e a imaxe da Virxe dos Remedios, unha escultura de autor e escola descoñecidos, datada a comezos do século XV. Antigamente, tamén participaban danzantes que bailaban ao redor da imaxe mariana unha danza tradicional.

A singularidade desta festa reside, segundo a memoria, na conservación ao longo dos séculos de elementos tan característicos como o Meco e as Pampórnigas, malia as prohibicións impostas polas autoridades civís e eclesiásticas. A súa continuidade dentro da liturxia e o feito de que a comitiva barroca dos Remedios da Ermida siga a xerar a mesma devoción que hai séculos son elementos chave para o seu recoñecemento.

Ademais, a solicitude recolle diversas accións de promoción que apoian a declaración como Festa de Interese Turístico. Entre elas destacan a participación no Congreso sobre Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos en 2009, a elaboración dunha guía sobre o santuario da Ermida en 2015, a exposición fotográfica “Unha romaxe singular” celebrada en 2014, o mural pintado en Quiroga en 2022, o viño da bodega Casa de Outeiro que leva o nome de “Meco”, o irmandamento entre os santuarios da Ermida e Castro Caldelas coas súas imaxes e figuras peculiares, a exposición “Coroas de Santidade” que se puido ver en 2024 na Igrexa do Salvador de Hospital, a coroación canónica da Virxe dos Remedios celebrada en setembro pasado, a presentación dun selo conmemorativo da romaría en 2024, a incoación do expediente de Ben de Interese Cultural para a Romaría da Nosa Señora dos Remedios da Ermida e a concesión do xubileu romano neste templo ao longo do ano 2025.

⚙ Configurar cookies
0.16915011405945