A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial entra oficialmente na súa recta final

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Un grupo de consultores da UNESCO visitará en outubro a Ribeira Sacra no tramo final da candidatura, que xa forma parte das admitidas para ser avaliadas polo Comité Mundial da Unesco
alcaldes-ribeira-sacra
12 Jun 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe a visita no mes de outubro deste ano á Ribeira Sacra de consultores da Unesco, dentro dos pasos establecidos no tramo final da candidatura a Patrimonio Mundial, que será avaliada en xuño de 2026.

“Estamos convencidos do valor deste territorio e, por iso, confiamos en que acade o merecido recoñecemento”, aseveroulles López Campos a alcaldes, representantes de entidades locais e axentes sociais da zona implicados coa candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, aos que lles quixo trasladar as “boas sensacións” coas que conta o Goberno galego.

O representante da Xunta trasladou nesta reunión que a de Ribeira Sacra xa forma parte das candidaturas admitidas para ser avaliadas polo Comité Mundial da Unesco, tras cumprir o Goberno galego “rigorosamente cos trámites, documentación e tempos exixidos”. Deste xeito, explicou que, neste intre, “se está xa na recta final” do proceso, “que inclúe esta visita in situ ao territorio, á que lle seguirán outros procedementos de cara á decisión final deste organismo en 2026”.

“Estamos, de novo, perante pasos claves aos que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, asegurou López Campos, quen lles agradeceu neste acto “a total implicación e desde o primeiro momento” coa proposta Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga.

O conselleiro lembrou que a candidatura pon en valor que se está ante un territorio que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense e que posúe “un valor universal e excepcional”. Precisamente, a proposta céntrase en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.

Ao respecto, fixo fincapé en que a candidatura presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, argumentou o máximo responsable de Cultura do Goberno galego.

Finalmente, o conselleiro aproveitou a súa intervención para lembrar o “esforzo e intenso traballo” por parte do Goberno galego coa candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Con este obxecto, sinalou os preto de 8 millóns de euros que a Xunta ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

En concreto, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.17083811759949