A rede de miradoiros de Sober, recoñecida pola súa sustentabilidade

RibeiraSacraXa
Vén de converterse no único espazo público singular en Galicia que obtén a certificación de sustentabilidade
vistas_mirador_pena_do_castelo
Miradoiro Pena do Castelo
7 Dec 2024

A Rede de Miradoiros de Sober vén de recibir novamente a Q de Calidade como espazo público singular. Un recoñecemento ao que suma a certificación S de sustentabilidade, o único espazo público singular en Galicia en facerse con esta distinción.

No ano 2020 o Concello de Sober conseguiu mediante certificación coa Q de calidade que os miradoiros do Canón do Sil fosen recoñecidos como Espazo Público Singular, sendo un dos cinco espazos públicos que contaban con este selo de calidade no territorio nacional e o único de toda a Ribeira Sacra e da provincia de Lugo en conseguilo.

Sober conta a día de hoxe con dez miradoiros públicos que comezaron a construírse nos anos 80 e desde entón foron medrando e someténdose a diversas reformas ata chegar a ser un referente no territorio.

A misión dos miradoiros de Sober é a de ofrecer unha experiencia turística inmersiva que permita desfrutar da paisaxe de maneira respectuosa co medio ambiente. O obxectivo é consolidar os miradoiros como un referente en turismo responsable e sustentable, promovendo a conservación da paisaxe e o desenvolvemento económico local mediante a educación ambiental.

Por iso, para conseguir este propósito o Goberno local de Sober decide, catro anos despois de lograr a certificación de calidade, obter a certificación de sustentabilidade.

Esta nova certificación de sustentabilidade turística foi instaurada polo Instituto de Calidade Turística Española (ICTE) para axudar aos establecementos, empresas e destinos de España na integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable do Milenio.

A Sustentabilidade Turística, a súa implantación e conseguinte certificación achega vantaxes como contar cun elementos diferenciador, mellorar a imaxe e reparación do recurso e dar visibilidade a contribución da organización á mellora da súa contorna sociocultural e medioambiental. Contribúe ademais á mellora da xestión e eficacia das actividades optimizando recursos e motivando ao persoal.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica que nos vindeiros anos, “seguirase na procura da mellora das infraestruturas, a eficiencia enerxética e a promoción dun turismo inclusivo, asegurando un impacto positivo e duradeiro na rexión”.

⚙ Configurar cookies
0.091732978820801