A Queima das Fachas do Castelo volveu a iluminar Taboada nunha noite de tradición ancestral

Este domingo, 7 de setembro, e como cada ano, o Castro de Castelo de Taboada transformouse nun escenario máxico coa celebración da tradicional Queima das Fachas, un ritual ancestral que cada ano atrae a veciños e visitantes.
O programa comezou pola mañá cunha visita na que os participantes coñeceron os esgrafiados dos lugares de Fiunte, e durante toda a xornada houbo actividades complementarias. Pola tarde, ofrecéronse percorridos guiados pola parroquia de Castelo, visitando o sartego de Santán, a aldea de Covas, a igrexa de Santa María, o peto das ánimas de Castelo, o miradoiro da Cariza e o propio Castro de Castelo.
Xa á medianoite, a veciñanza subiu ao Castro para presenciar a tradicional Queima das Fachas, un acto que simboliza un encontro máxico e cargado de tradición para Castelo e para todo o concello de Taboada. Ao evento asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen destacou este acontecemento “para manter viva esta tradición ancestral, un espectáculo único que atrae cada ano a máis visitantes pola súa vistosidade e que xa é un símbolo da identidade cultural da nosa provincia”. A Queima das Fachas, lembrou Arias, está declarada Festa de Interese Turístico Galego e conta co apoio da Administración autonómica.