A primeira residencia de maiores de Pantón abrirá proximamente as súas portas

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, xunto co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, visitou as obras da que será a primeira residencia de maiores do municipio, actualmente na súa fase final de construción. O centro, promovido pola Fundación San Rosendo, ofrecerá 36 prazas de atención e coidado distribuídas en dúas unidades de convivencia con capacidade para 18 persoas cada unha.
O edificio contará con catro andares e permitirá crear 25 postos de traballo vinculados ao funcionamento da residencia e á atención dos usuarios.
Durante a visita, a conselleira destacou a importancia da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación San Rosendo para dotar aos concellos rurais de servizos específicos destinados á poboación maior. Nese sentido, defendeu o modelo de coidados que impulsa o Goberno galego, baseado en que as persoas poidan elixir onde vivir esta etapa da súa vida, e salientou que a creación de infraestruturas como esta é fundamental para facelo posible.
García lembrou ademais algunhas medidas xa en marcha, como o Bono Coidado no Fogar, que beneficia a 33.000 usuarios en Galicia. Trátase dunha axuda económica directa de ata 5.000 euros anuais que permite ás persoas dependentes recibir atención na súa propia contorna. Segundo a conselleira, este programa está a rexistrar unha demanda crecente na comunidade.