A oposición fala: o BNG, o PSOE e Avanza Pantón

RibeiraSacraXa
O Concello de Pantón conta cun Goberno local presidido polo alcalde do Partido Popular José Luis Álvarez, que leva no cargo desde o ano 2007, e cunha oposición formada polo BNG, que nos comicios de 2023 sacou tres concelleiros, polo PSOE e polo partido independente Avanza Pantón, que conta cada un cun concelleiro
Oposición-Pantón
11 Ago 2024

Por Jessica Fernández

Rosana Prieto, portavoz do BNG de Pantón, iniciouse na política “porque se estaban a pechar as aldeas, e a miña tamén”. Así, empezou a formar parte da Corporación desde hai 9 anos, entrando na política local da man de Suso do Pacio, “unhas das mellores persoas que se cruzou no meu camiño vital. Nunca saberá Pantón o alcalde que perdeu”, sostén.

Pola súa parte, Roberto Prado, representante socialista, sostén que el “mamouno” na casa porque “meu pai foi concelleiro socialista en Pantón e na miña casa xuntábanse persoas do partido e ao final tamén te formas”. Así, nos anos 2000 afiliouse e encabezou por primeira vez a lista nas anteriores eleccións municipais do 2023.

Con respecto a Jaime González, de Avanza Pantón, el iniciouse na política “motivado por un sentimento de compromiso ccívico e cos veciños de Pantón e pola pésima situación na que se atopa o Concello, que non ten un plan e non pode sacar uns orzamentos adiante tendo maioría”. Así, explica que en Avanza Pantón están “comprometidos co pobo e enfocados para reverter situación de desesperación destes 20 anos”. E, concretamente, a súa vinculación xorde da “necesidade de crear un espazo para escoitar aos cidadáns e ser representados, polo que desde o ano 23 formo parte da política local para traer perspectiva fresca e comprometida para o desenvolvemento de Pantón”, sostén.

O PAPEL DA OPOSICIÓN

Para Prieto, o papel da oposición en Pantón é “un mandato representativo que nos obriga a visibilizar o abandono e a desidia dun Goberno sen plan de futuro, e o que é peor, que non acredita nas posibilidades dun futuro a medio nin a longo prazo para un concello rico en recursos e con posibilidades de reverter o despoboamento e a falta de oportunidades”, sostén. Así, di que os representantes do BNG “somos parte do pobo, habitamos en Pantón e sufrimos na vida cotiá o abandono das institucións, por iso tratamos de axudar á xente nos problemas da vida cotiá, axudándoos nos trámites e informándoos das convocatorias e posibilidades que ás veces lle son negadas polo oscurantismo co que o goberno municipal leva o Concello. Gustaríame dicir “xestiona”, pero no Concello de Pantón non hai xestión ni plan, só ocorrencias e despilfarro como demostra o feito de dilapidar o remanente que pasaba dos tres millóns de euros e que veu dun catastrazo no que se lle estalaron aos veciños 2,8 millóns de euros nun proceso inxusto e imperativo. Se lle sumamos os orzamentos e as subvencións, podemos concluír que o actual Goberno municipal dilapidou nos últimos seis anos máis de 21 millóns de euros. Isto, nun concello no que a maioría do territorio non ten saneamento e moitos aínda seguimos sen auga da traída, é un verdadeiro despropósito”, denuncia.

Mentres, Prado considera que desde a oposición propoñen cousas diferentes “que son importantes para todos e buscamos transparencia porque a hai daquela maneira”. Ademais, sostén que hai que “buscar alternativas, xa que o sistema económico está cambiando, e aínda que temos que seguir coa viticultura, deberíamos buscar alternativas para impulsar Pantón”. Tamén, ademais de propoñer, “fiscalizamos o labor do goberno e as contas, aínda que non se poden facer milagres, xa que nos dan a información dous días antes do pleno, sen tempo para miralo e logo apróbano porque teñen maioría absoluta. Dá igual o que argumentes, eles teñen unha idea e vana levar a cabo. Ti intentas facer cousas e facerlles entrar en razón, pero é como falar contra unha parede”, argumenta.

Pola súa parte, o portavoz de Avanza Pantón cre que o papel da oposición “é fundamental para o equilibro democrático e para fomentar a transparencia. Fiscalizamos o labor do Goberno e propoñemos alternativas para que as decisións que se toman, sexan en beneficio dos veciños”. Así, González sostén que “nós traballamos pola xustiza e por promover o desenvolvemento do concello, a pesar da xestión opaca do Goberno, xa que non hai información de nada, non presentan as contas... e, polo tanto, dificultan o noso labor”. En definitiva, argumenta, “queremos ser a voz do pobo contra a incapacidade e desidia do goberno; existe unha maneira de gobernar enfocada no benestar dos veciños independentemente da cor política”, conclúe.

A POLÍTICA LOCAL NO PERSOAL

Para a representante nacionalista, formar parte da oposición ten un custo e sacrificio persoal, xa que ela di que foi “sometida a persecución  e vixilancia e tiven represalias a nivel laboral, pero hoxe por hoxe coido que xa saben que 'viñemos para nos quedar' e que o noso único obxectivo é facer da política local un instrumento para mellorar a vida da xente. E, por suposto, apoiar a quen queira, coma nós desenvolver o seu proxecto vital na capital do románico rural galego”, defende.

Pola súa parte, o socialista argumenta que “ves recompensado o traballo pola xente, porque lles escoitas e estás aí, pero non deixan aportar ideas. A min dáme a impresión de que cada vez que dicimos algo desde a oposición, nolo tomban, e nós estamos para axudar á xente de Pantón, traballamos para os veciños, escoitamos e trasladamos as súas necesidades, e propoñemos cousas para mellorar a vida dos veciños, a deles e a nosa, que tamén vivimos aquí.

Finalmente, o portavoz de Avanza Pantón opina que formar parte da oposición é un “compromiso considerable que implica sacrificios persoais, como o tempo e a carreira profesional, sobre todo nunha agrupación pequena, que non ten músculo detrás con avogados. Nós temos que facelo todo e supón un esforzo maior e require tempo e parte do traballo persoal. Porén, os beneficios é a satisfacción polo pobo e polo ben común, poder de influír nas decisións que se toman e influír nas persoas fai que merece a pena. Cando un veciño che vén pedir algo e ves a preocupación por que melloren as cousas e que ti sexas capaz de conseguir algo é unha satisfacción”, conclúe.

AS NECESIDADES DO CONCELLO

No caso das necesidades do Concello de Pantón, Rosana Prieto opina que precisa de “sentido común e xestión, e acabar co caciquismo que prioriza sempre ás mesmas familias”. Ademais, tamén é importante “crer en Pantón como municipio e na súa xente como motor dese cambio. Temos que asegurar novas xeracións para o concello das tres ribeiras e iso pasa por dinamizar e implementar políticas reais de cambio e de atracción de poboación nova, e abandonar a política das "paparotas para os amigos" e os eventos varios que non aportan nada, pero que se financian con cartos públicos”, sostén Prieto. Así, en resumo, “hai que cambiar as prioridades do goberno municipal que non van máis alá de darlle cartos a ganar aos de sempre impedindo o desenvolvemento que nos merecemos exactamente igual que calquera outro concello que funcione. Pantón é moito máis dinámico do que dá a entender esa foto fixa dun concello avellentado. Hai que poñer en valor os nosos recursos e crer neles, que actual goberno non cre, para dinamizar social e economicamente un concello ben situado e ben comunicado”, conclúe a portavoz nacionalista.

Na opinión de Prado, a principal necesidade é aumentar a poboación, “que se pode mellorar coas residencias de maiores, aínda que tamén podería facerse o polígono industrial para atraer empresas e asentar poboación, así como promover plantacións de arandos. Non hai industria, pero hai potencial e non podes basear todo o potencial económico no turismo, hai que diversificar e crear máis empregos diferentes e dar axudas dentro das posibilidades do concello, porque se unha persoa quere montar un negocio e non hai axudas, é moi difícil. Parece que o Goberno local non cre nos veciños e estes fan o que poden, e a idade é moi elevada”, finaliza.

Para rematar, Jaime González cre que “hai múltiples necesidades no Concello porque está nun estado de abandono terrible e non hai un plan de desenvolvemento”. Así, cre que deben mellorarse as infraestruturas básicas, como o saneamento, que non chega a todas as parroquias. Tamén indica que hai que impulsar o desenvolvemento económico para pequenas e medianas empresas e para o turismo, así como fortalecer os servizos sociais. Di que “non se retén poboación e agora temos dous médicos, e un que está a piques de xubilarse, e tampouco temos Educación Secundaria, marchou a Escairón. Se non retemos poboacion, non nacerán nenos e acabaremos perdendo o colexio tamén”.

Ademais, lembra que o alcalde leva anos “prometendo un polígono industrial que podería ser importante debido a que temos a mellor posición estratéxica da comarca, mellor que Monforte, Bóveda ou Escairón”. E engade que tamén hai un problema de vivenda, xa que non hai un plan urbanístico para que se poida asentar poboación.

“Tamén é necesario conservar o entorno natural e cultural, xa que temos o maior Románico do sur de Europa, e a nivel castrexo temos castros e zonas que se podían escavar e ter un turismo cultural para promover que se coñezan elementos que forman parte da nosa identidade e desenvolvemento futuro”, conclúe.

0.1927649974823