A oposición fala en Monforte
Por Jessica Fernández
A oposición en Monforte está liderada por tres partidos políticos, o Partido Popular, o Bloque Nacionalista Galego e o independente de corte municipalista Espertamonforte, que entre os tres suman sete concelleiros, fronte aos dez que ten o Goberno local, polo que a oposición enfróntase cunha maioría absoluta que non lle permite, moitas veces, sacar adiante as súas distintas mocións.
Con respecto ao PP, Katy Varela sostén que sempre estivo vinculada ao PP pola súa familia, polo que xa estivo nas Novas Xeracions da Coruña e retomou o tema político hai 5 anos para acompañar á cabeza de lista en 2019, aínda que finalmente foi ela quen encabezou a lista un mes antes das eleccións. Tanto en 2019 como en 2023 o PP conseguiu catro concelleiros.
Pola súa parte, Emilio Sánchez, portavoz do BNG vinculouse á política activa no 2015 nunha candidatura e “o programa cadraba coa miña ideoloxía para ser capaces de transformar o Concello”, explica; aínda que foi en 2019 cando encabezou a lista das eleccións municipais por primeira vez, sacando un concelleiro. Agora, nas de 2023 sacaron dous.
Con respecto a Espertamonforte, Germán Vázquez sostén que sempre estivo ligado aos movementos cidadáns monfortinos e cando xurdiu a idea de poñer en marcha o partido Espertamonforte, formou parte na lista como 5º en 2015, despois de número 2 na de 2019 e encabezou a lista nas eleccións de 2023, nas que sacaron un concelleiro.
Varela sostén que “é complicado formar parte da corporación municipal porque o alcalde é tamén presidente da Deputación de Lugo, polo que ten moitísimos recursos económicos para darse publicidade a si mesmo, entón é difícil que a nosa mensaxe chegue á xente. Ademais, el abusa dos tempos nos plenos, fala moito e a súa mensaxe prevalece”. Mentres, Vázquez argumenta que “en Monforte sufrimos a maioría absoluta, que é negativo porque o equipo de Goberno non conta para nada cos membros da oposición, e nós queremos ser participes do bo camiño do Concello, porque entendemos que, con visións distintas, todos os que estamos na política municipal para axudar aos nosos veciños”.
O PAPEL DA OPOSICIÓN
Para Emilio Sánchez, a oposición ten dúas funcions, unha de fiscalizar e controlar todas as acccións do Goberno, e aportar ideas e solucións para quen está gobernando e axudar para que o concello funcione; axudando a gobernar e propoñer en positivo”.
No caso de Katy Varela, esta explica que o papel da oposición é vixiar o que fai o equipo de Goberno, “aínda que é complicado, porque non hai dedicación exclusiva e é unha situación de desvantaxe, xa que o corpo de funcionarios está para eles e é dificil fiscalizar porque necesitas tempo e recursos, pero é un labor que se ten que facer e tamén recoñecer cando as cousas se fan ben, pero se non o fan, dicirllo á xente; e por outra parte, estar ao lado dos veciños e nos eventos que aí escoitas as necesidades da xente para levalas a pleno”.
Pola súa parte, o portavoz de Espertamonforte sostén que “nós o que facemos é un labor fiscalizador porque as nosas mocións non chegan nunca a bo porto, porque sempre nos din que non; pero moitas cousas que levamos, logo o PSOE fainas súas e a nós non nos importa, traballamos para iso. Por exemplo, o BNG levou a pleno o dos aparcadoiros para camións e dixéronlles que non, e agora licitaron un novo aparcadoiro para camións, non somos imprescindibles pero si necesarios.
Ademais, Germán Vázquez cre que os veciños poden dicir que as mocións que propoñen son para mellorar a vida dos monfortinos, xa que “somos a correa de transmisión das súas queixas, suxerencias, protestas, loubanzas... hai cousas que están ben, pero cremos que hai cousas máis prioritarias e discutimos co equipo de Goberno, facemos un labor necesario porque hai que poñerlle os pés na terra ao goberno.
Pola súa parte, o PP di que o que ten a favor é que é o partido que goberna na Xunta de Galicia, entón “vén xente interesada en pedirnos que intercedamos por eles ante a Xunta e pidamos axudas para facer festas, para que desbrocen unha estrada da Xunta ou para que se poidan mellorar os centros educativos públicos. Intentamos axudar nese sentido. Por outra parte, no Concello de Monforte axudamos aos veciños cando sacamos na prensa con respecto a accións que non fai o goberno, e iso é o que lles fai actuar. Ao alcalde, o pleno dálle igual, o que lle molesta é que saian criticas cara a el.
Emilio Sánchez, ademais, destaca que desde o BNG lévanse a pleno as mocións e iniciativas para que se cumpra o programa que tiñamos nas eleccións municipais, así como tamén votan a favor daquelas que ven positivas para o municipio. Porén, sostén, como os seus compañeiros da oposición que “aquí é difícil sacar algo adiante pero marcamos a política a nivel de iniciativas”. E engade que “hai iniciativas que levamos ao pleno e que non se aproban e 4 meses despois lévanse a cabo, ao principio votan en contra e logo acaba por facelas. O importante é que se fagan as cousas, dános igual de onde veña, nós o que queremos é mellorar a vida dos cidadáns de Monforte”, conclúe.
AS NECESIDADES DE MONFORTE
Con respecto ás necesidades existentes no municipio, os tres partidos da oposición concordan en que o maior problema e máis urxente é o saneamento da auga, xa que, como explica Germán Vázquez, “temos 50 km de tubaxes en mal estado e hai unha cantidade inusual de roturas, con demasiada frecuencia, e hai que seguir traballando niso, nós sempre o estamos pedindo”, sostén. En concordancia con isto, Katy Varela subliña o servizo de saneamento da auga é unha urxencia brutal e, se non pode asumilo, “ten que falar coas administracións para que lle axuden a solucionar dito problema”. A isto, Emilio Sánchez engade “o tema da auga pasa por remunicipalizala e ter o servizo controlado polo Concello e non por unha empresa, así como investir por mellorar o servizo” e tamén apunta á necesidade de ter o río Cabe saneado.
Con respecto a outras necesidades, desde Espertamonforte din que para asentar poboación hai que crear emprego e para crear emprego hai que ter un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) “co fin de facer medrar esta cidade e para que as zonas do interior sigan tendo poboación”. A isto, o portavoz do BNG engade que debe “pararse a sangría demográfica e asentar poboación no rural, garantindo uns servizos básicos”. Todo isto tamén e compartido pola representante do PP, que tamén ve necesario impulsar demograficamente o municipio e contar con servizos. Ademais, engade que “hai que impulsar a industria de Monforte con aqueles aspectos que se poden impulsar, como o turismo”, conclúe.