A nova escola infantil municipal de Sober comeza o curso con 41 prazas

RibeiraSacraXa
O centro é o resultado da transformación do antigo Punto de Atención á Infancia (PAI), no que se investiron preto de 250.000 euros
PAI-Sober
Imaxe do antigo PAI de Sober
14 Sep 2025

Sober conta desde este curso cunha nova escola infantil municipal, que amplía a súa capacidade de 20 a 41 prazas grazas á incorporación dunha aula máis. O centro, situado no recinto do Colexio Público Virxe do Carme, é froito da transformación do antigo Punto de Atención á Infancia (PAI), no que se investiron preto de 250.000 euros.

A reforma permitiu unha renovación completa das instalacións, que inclúen unha terceira aula construída no espazo que antes ocupaba un almacén, unha nova cociña e melloras na eficiencia enerxética do edificio. Deste xeito, as familias do municipio dispoñen desde agora dun recurso educativo totalmente actualizado e adaptado ás necesidades actuais.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada polo alcalde de Sober, Luis Fernández, visitou a escola na súa reapertura e destacou que este curso Galicia volve ser un referente nacional en conciliación grazas á gratuidade do primeiro ciclo de Educación Infantil en toda a comunidade, tanto en centros públicos como en privados e de iniciativa social. Segundo subliñou, esta medida sitúa a Galicia á cabeza da escolarización de 0 a 3 anos, cunha cobertura próxima ao 65 %.

⚙ Configurar cookies
0.16532397270203