A nova Depuradora do Polígono do Reboredo de Monforte xa está en proceso de construción

RibeiraSacraXa
A obra foi adxudicada á empresa Espina e conta cun orzamento de 4.040.377,20 euros, dos que a CHMS aporta 3.334.000 euros e o Concello de Monforte 606.000 euros
Nova-EDAR-Monforte-CHMS
10 Out 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, informaron dende o Polígono do Reboredo, do inicio das obras da nova Depuradora do Polígono, logo da sinatura da correspondente acta de replanteo.

A obra foi adxudicada á empresa Espina e conta cun orzamento de 4.040.377,20 euros, dos que a CHMS aporta 3.334.000 euros e o Concello de Monforte 606.000 euros, ao que hai que engadir o investimento que o Concello fixo para a compra da parcela adquirida a Sigalsa para destinar ó solar da nova depuradora.

A xestión desta nova depuradora, foi un empeño persoal do alcalde para que poida crecer o polígono e tamén para mellorar a calidade da depuración actual e arranxar o problema do regato do Carballo, que se ten convertido nun problema medioambiental.

José Tomé salientou que “as obras da nova Depuradora do Polígono Industrial do Reboredo eran moi necesarias porque a antiga depuradora era insuficiente, e non tiña a capacidade de depuración que hoxe se require. Coas ampliacións que temos en marcha, contaremos cun polígono de 800.000 metros cadrados, que xa é un polígono importante, e no que non hai hoxe ningunha parcela para vender”.

O rexedor monfortino puxo en valor á nova Depuradora, “unha infraestrutura moderna, que permitirá deixar de verter ao regato do Carballo, o cal vai coller vida outra vez, porque as augas entubadas van ir ata a saída do Cabe, a través dunha tubaxe de 1,5 km”.

Ademais, outra das características na nova Depuradora, á que o rexedor cualificou de “case de intelixencia artificial”, é que vai entrar en funcionamento segundo as necesidades, a través dun funcionamento modular, de tal xeito que non vai funcionar toda á vez, senón a medida que teña carga, aumentando así o seu funcionamento e conseguindo un aforro e optimización enerxética.

E engadiu que esta noticia do inicio das obras da nova EDAR “non só é boa para Monforte senón tamén para toda a comarca, porque se o Polígono vai ben e se activa aínda máis emprego, será beneficioso para todo o Val de Lemos, xa que ademais hoxe xa hai nel moitos traballadores de concellos limítrofes”.

Pola súa banda, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, salientou a importancia desta nova infraestrutura “porque con ela mellorarase bastante a calidade das augas, mellorarase o aspecto medioambiental, dado que a infraestrutura que ata hoxe funcionaba para depurar os residuos do Polígono era claramente insuficiente e estaba obsoleta”.

“Con esta nova actuación”, engadiu, “vanse dar cumpridos os parámetros de calidade das augas, vaise recuperar o regato do Carballo e en definitiva vaise permitir a ampliación de actividade no Polígono, prevista a longo e medio prazo, e deixase previsto que no futuro, se a situación o demandase, se poida facer unha nova ampliación e aumentar toda esta infraestrutura".

Características da nova Depuradora do Polígono do Reboredo

As obras comezarán pola instalación da tubaxe de 1,5 km, que conectará a nova Depuradora co leito do Cabe, que conta coa capacidade suficiente de dilución. A antiga depuradora será un complemento da nova EDAR, tendo que ser reseteada en función da nova infraestrutura.

A EDAR proxectada solucionará a problemática ocasionada pola antiga depuradora, pensando ademais nunha futura ampliación.

O proxecto construtivo prevé a demolición da EDAR existente e a construción dunha nova Depuradora que non necesitará de terreos privados xa que se construirá nunha parcela de titularidade municipal no polígono contigua onde se localiza a vella depuradora. Estará deseñada para 1.000 metros cúbicos ao día e dará servizo 8.342 habitantes equivalentes.

Executarase unha condución de desaugadoiro, unha nova tubaxe, (emisario) desde a nova EDAR ata o río Cabe de máis de 1,5 km de lonxitude.

Para a execución das obras do emisario foi necesaria a expropiación de terreos de titularidade privada que levou a cabo a CHMS, para os que se requiriu a urxente ocupación.

A nova EDAR terá dúas liñas de tratamento, coa posibilidade de ampliación mediante a futura de construción doutra liña de tratamento; contará con 2 reactores biolóxicos, 2 decantadores, 1 liña de pretratamento, 1 liña para tratar os lodos, podendo dispoñer dun terceiro reactor biolóxico máis un terceiro decantador secundario.

Disporá dunha capacidade máis que suficiente e pensada para esas novas necesidades do Polígono a corto e medio prazo.

A nova depuradora terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliación do Polígono que o Concello ten en marcha.

Vaise construír con dúas características moi importantes e previsoras para o futuro: vai poder funcionar por módulos para que a calidade da depuración sexa a correcta, establecida nos parámetros que marca a lei, funcionado en función da carga, e permitirá o incremento das liñas de tratamento de residuos do Polígono; e vai ter posibilidade de ampliación, xa que estará dispoñible a parcela que ocupa a actual depuradora que son lindeiras.

Unha vez rematadas as obras, serán recibidas polo Concello que se encargará do seu mantemento no futuro.

0.18072199821472