A iniciativa “Os 1000 km de Chandrexa” acumula xa máis de 500 quilómetros camiñados

RibeiraSacraXa
O Centro de Saúde de Chandrexa impulsa esta proposta pioneira de saúde comunitaria que mestura actividade física e educación sanitaria no corazón do rural e que continuará no mes de agosto
andaina-saudable-chandrexa
Participantes nunha actividade de saúde comunitaria en Chandrexa de Queixa
28 Jul 2025

O Centro de Saúde de Chandrexa de Queixa, a través da súa Escola de Saúde, puxo en marcha este ano o programa “Os 1000 km de Chandrexa” que forma parte dunha iniciativa que propón andainas periódicas combinadas con pequenas sesións de educación sanitaria, coa intención de mellorar tanto a saúde física como o benestar emocional das persoas participantes.

O programa naceu con dous obxectivos principais: loitar contra a soidade no rural, especialmente nas persoas maiores, mediante a creación dunha rede de apoio mutuo, e fomentar hábitos de vida saudables a través do exercicio físico. Dende a organización destacan a gran acollida desta iniciativa que desde abril acumulou máis de 500 quilómetros camiñados.

Lucía Bruquet e Carlos Moral, enfermeira e médico do centro de saúde de Chandrexa de Queixa , promotores da idea, destacan o valor emocional da actividade: “Os paseos están a converterse nun espazo de encontro, onde se comparten anécdotas, se lembran historias e se constrúe comunidade. Todo isto enmarcado nunha contorna natural de gran beleza, que convida a camiñar entre ríos, montes e paisaxes que reconfortan corpo e mente”.

A última ruta, celebrada a pasada semana, contou coa participación especial dos máis pequenos da casa, que por mor das vacacións están a pasar máis tempo coas súas avoas e avós, sumándose tamén ás actividades. A vindeira andaina terá lugar o mércores 7 de agosto e está aberta a toda a poboación interesada, tanto para os veciños da comarca como para as persoas desprazadas de outras comunidades que visitan a zona durante as datas de verán.

Este tipo de iniciativas, explican os seus responsables, encaixan no modelo de saúde comunitaria que se vén impulsando na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras nos últimos anos. A atención primaria está a reforzar o seu papel como eixo vertebrador da saúde pública, promovendo accións que melloran a calidade de vida da cidadanía, fomentan a participación social e achegan os coidados ao territorio, especialmente no ámbito rural. Actividades como a de Chandrexa demostran que camiñar xuntos é tamén unha forma de coidar(se).

Dende os centros de saúde da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, levase traballando anos en esta dirección, traballo que se veu reforzado ca elaboración dos plans de saúde local, a posta en marcha da estratexia de saúde comunitaria, ou a incorporación de novas categorías profesionas.

Durante o pasado ano 2024 organizáronse máis de 900 intervencións comunitarias nos servizos de atención primaria nos que participaron máis de 17.000 persoas e durante os seis primeiros meses de 2025 estas actividades están a medrar coa colaboración de todo o persoal sanitario que integran os centros de saúde de atención primaria ourensá: nutricionistas, matronas, hixienistas, odontólogos, médicos, EIR, MIR, Traballadoras sociais. Fisioterapeutas, PSX, farmacéuticos e pediatras, coa colaboración de alumnos, técnicos de emerxencias sanitarias, enfermeiros especialistas de saúde mental e psicólogos, foron os encargados de levar estas actividades na comunidade, coordinadas por os referentes de saúde comunitaria.

A atención primaria ten un papel crucial no control dos factores de risco para a nosa saúde, segundo a recién aprobado plan de acción de atención primaria e comunitaria 2025-2027 calcúlase que en España o 16,5 % dos homes e o 15,5 % das mulleres presentan obesidade, o 23,3% dos homes tabaquismo. Estes datos xunto co aumento das enfermidades crónicas xunto o envellecemento da poboación fai que sexa necesario e urxente adaptar a atención primaria a estes novos desafíos, cobrando unha especial relevancia a prevención e promoción da saúde.

Estes son piares básicos do noso sistema sanitario, empoderar aos pacientes, facelos corresponsables das decisións que afectan á súa saúde, traballar ca comunidade, saír das catro paredes dos centros de saúde é, unha necesidade prioritaria. De ahi a importancia da posta en marcha da Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027 para influír positivamente na súa saúde da nosa poboación avanzando dun xeito progresivo cara a un modelo sanitario que se centre máis nas persoas e no seu contexto social, no lugar de centrarse nas enfermidades, como acontece no modelo tradicional.

Verónica Civeira Pérez, Subdirectora de enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria, sinala que “neste sentido desde os centros de saúde reforzáronse nos últimos anos os programas de educación para a saúde levados a cabo na comunidade, unha comunidade que cada vez reclama máis intervencións de este tipo e que son posibles gracias a implicación dos distintos profesionais que traballan en atención primaria asi como o liderado dos referentes de saúde comunitaria, coordinadores e xefes dos servizos de atención primaria”.

Este alto volume de intervencións, din dende a Área Sanitaria, converten aos profesionais de Ourense en referentes nesta liña de traballo, e as iniciativas non deixan de crecer de ano en ano, referendadas polos resultados en saúde, e pola propia satisfacción de participar de pacientes e profesionais, que procuran o tempo para saír do centro de saúde e traballar coa comunidade, nas necesidades de saúde detectadas en consulta, nun ambiente que favorece o intercambio de coñecementos e afianza a relación profesional-paciente.

⚙ Configurar cookies
0.1634349822998