A iniciativa Interior Galego Vivo denuncia o estado da N-540 e esixe ás institucións que actúen

RibeiraSacraXa
A iniciativa das agrupacións Alternativa Veciñal Antas de Ulla e Por Chantada, Interior Galego Vivo (IGV), denuncia que o estado da N-540 é "completamente lamentable", xa que "pon en perigo" a seguridade viaria.
9 Xan 2023

A iniciativa das agrupacións Alternativa Veciñal Antas de Ulla e Por Chantada, Interior Galego Vivo (IGV), denuncia que o estado da N-540 é "completamente lamentable", xa que "pon en perigo" a seguridade viaria.

"O desgaste do pavimento é de tal intensidade que acada xa con especial intesidade carrís de incorporación e saídas expoñendo a accidentes aos usuarios da estrada", explican desde a iniciativa, que pon de relevo a situación de "discriminación" aos veciños de Lugo e Ourense, xa que esa é a vía de comunicación entre as dúas cidades.

Así, Interior Galego Vivo dirixiuse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para pedirlle que acometa actuacións urxentes nesta vía, que conecta Ourense con Lugo e é de extrema importancia para os concellos do partido xudicial de Chantada, que destacan que "debido as abundantes chuvias e o mal estado das gabias, estase deteriorando aínda máis o estado da N-540".

Ademais, lémbralle ao Ministerio que xa en 22 de xuño de 2017 a Comisión de Seguranza Vial do Congreso aprobara unha proposición de lei para a reforma e rehabilitación entre Guntín e Ventas de Narón e para o camiño entre Chantada e Taboada.

Porén, denuncian, "obsérvase unha continuidade no mal estado do firme coa conseguinte perigosidade para a condución e o incremento de avarías que requiren custosas reparacións a unha poboación que non dispón de alternativas de transporte público".

Denuncian ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; pero tamén á Deputación de Lugo

Por Chantada dirixiuse á Deputación de Lugo para demandar o arranxo de varias estradas da súa titularidade, a comezar pola LU-P-1801, unha estrada "desfeita" pola arroiada do regato da Porqueira.

Destacan que "precisa ser arranxada con urxencia procurando solucións duradeiras para previr grandes corrementos como os acontecidos". Ademais, piden intervención en Sernande, onde hai un dique que está cedendo e a estrada está fendida.

A agrupación Por Chantada xa solicitara a mellora da N-540 en 2018, 2020 e 2022 e lembra que o pleno de Chantada adoptou un acordo por unanimidade neste sentido en 2018 e 2020. Porén, din, continúa a situación: "O estado das estradas provinciais no termo municipal de Chantada é unha problemática estrutural que require solucións urxentes".

Por todo isto, Por Chantada considera de extrema necesidade o arranxo das seguintes estradas provinciais: LU-P-1801 (Santiago de Riba até Peares), LU-P-1002 (San Amaro - Esmoriz), LU-P-1805 (O Seixo - Esmoriz), LU-P-1806 (Rabelas - Boán), LU-P-1807 (O Seixo-LU-P-1002), LU-P-1809 (Chantada-Antas), LU-P-1815 (Viana-Comezo), LU-P-1816 (Outeiro-Viana) e LU-P-1817 (Alto de Ramos – Santa Uxía).

A agrupación por Chantada tamén responsabiliza ao Concello do municipio

Finalmente, Por Chantada lamenta que o Goberno local non puxese en marcha a comisión de infraestruturas e o plano de infraestruturas que se aprobou en pleno para priorizar criterios técnicos e para mellorar as estradas.

"Hai moitas pistas e núcleos rurais que están nun estado de abandono total", denuncian, e din que "son de especial urxencia os accesos de San Pedro de Viana, a de Soutariz – Pincelo, Vilardamos - Burgás ou a de Sabadelle – Pedrafita".

Por Chantada denuncia que o estado das estradas afecta a máis sectores que o dos transportes

Non só afecta a circulación, denuncian desde Por Chantada, a deterioración das estradas tamén dificulta a actividade agrogandeira da zona, "que enfronta xa incrementos nos custes de produción", explican.

Tamén fan fincapé no mal estado da maquinaria, dos problemas nas patas nos animais ou no desprazamento das reses, "que castiga especialmente as granxas en extensivo e/ou ecolóxicas".

O estado das estradas, din, dificulta os desprazamentos aos lugares de traballo, aos centros sanitarios e ás escolas que "complica o obxectivo de fixar poboación e contribúe á demotanasia", un termo que se refire ao proceso polo que debido a accións políticas ou omisión delas, a poboación sepárase dun territorio.

Interior Galego Vivo lembra o informe de 2015 da Asociación Española de la Carretera que situaba a Galicia entre as cinco Comunidades Autónomas con peores estradas, situación que "empeorou", denuncian.

0.17431998252869