A iluminación da Torre da Homenaxe e dos Escolapios apagarase este mércores polo Día Mundial do Medio Ambiente
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que como xesto simbólico e en defensa do medio ambiente, o Concello de Monforte súmase este mércores 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, á iniciativa europea People and Planet, que suporá un “apagón ambiental” en edificios emblemáticos de concellos e institucións públicas.
O obxectivo, destaca o rexedor, “é concienciar á cidadanía sobre a importancia de protexer o noso medio ambiente e loitar contra o cambio climático, e para elo procederemos a apagar a iluminación tanto da Torre da Homenaxe como do Colexio de Nosa Señora da Antiga (Escolapios), dende as 23.00 e ata as 00.00 horas, sumándonos así a esta iniciativa europea”.
Dúas deputacións e 19 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no que se inclúe Monforte de Lemos, uniranse mañá mércores, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se centra nos ecosistemas terrestres.
A partir das 23 horas suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, torres e outros monumentos co fin de concienciar ademais sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.
Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 16 % no ano 2022, segue a ser un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que cumpra continuar fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción.
Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional nos espazos pechados, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos.
En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a manter o quecemento global por debaixo de 1,5°C neste século, o máximo aceptable para evitar consecuencias irreversibles sobre a vida do planeta e das persoas.
O “apagón ambiental” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 70 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’, que van desde accións de rúa como a comunicación de guerrilla e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, concursos, etc.
Ademais, neste marco púxose en marcha en oito países a campaña ‘Water of the future’, co fin de situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que contribuír a mitigar esta situación.