A III Mesa Coloquio do 8M en Chantada puxo o foco nas mulleres investigadoras

Na III Mesa Coloquio do 8M reuniuse un destacado grupo de mulleres investigadoras vencelladas á localidade. "Trátase dunha profesión ás veces descoñecida e non sempre valorada. Queríamos darlle visibilidade a estes ámbitos científicos e investigadores, e ofrecerlles ás nenas referentes femininos en distintos campos", explicou a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández.
Entre as participantes, estivo Tamara González López, profesora axudante doutora na Universidade da Coruña, cuxa investigación se centra nas prácticas colectivas nas comunidades parroquiais galegas entre os séculos XVI e XIX. Destacou a importancia do apoio familiar e doutras mulleres na súa traxectoria, como a súa directora de tese, Ofelia Rey Castelao. Pola súa banda, Tania Vázquez García, investigadora en formación en Filoloxía Románica, publicou varios traballos e colabora en proxectos centrados nas voces femininas na Idade Media e na lírica galego-portuguesa.
Rosa Montes Goyanes, profesora axudante doutora na Universidade de Santiago de Compostela (USC), investiga a contaminación ambiental e a presenza de substancias químicas desde a perspectiva de unha saúde global (One Health), e está vencellada ao instituto ARCUS. Cristina Fente Sampayo, catedrática en Microbiota e Probióticos na USC, centrou a súa investigación no impacto dos novos alimentos funcionais na saúde humana, con especial atención á nutrición infantil, participando en máis de 50 proxectos de investigación de alcance nacional e internacional.
Finalmente, Paula López Pérez, doutora en Enxeñaría Biomédica, traballa desde 2019 no i3S de Porto, onde promove estratexias de igualdade de xénero en contornas de investigación e apoia o desenvolvemento profesional de investigadoras e investigadores.
Todas as poñentes coincidiron na necesidade de que as mulleres dean un paso adiante para ocupar espazos de toma de decisións no ámbito científico e académico.