A Gold River Race arranca mañá en Lugo
O Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a presentación da Gold River Race, a segunda edición da proba de piragüismo máis longa de Europa e que protagonizará a provincia de Lugo que acolle a metade do percorrido. A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turism, Pilar García Porto foi a encargada de presentar este evento deportivo, xunto ao presidente do Comité Organizador, Francisco García Bobadilla Prosper.
A institución provincial colabora de novo con esta cita, que se celebrará esta fin de semana, cunha achega económica de 7.260€. No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Taboada, Ramiro Moure; o Concelleiro de Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, Mauricio Repetto; a xefa territorial de Turismo, Paloma Vázquez, e o director territorial de Abanca, Javier Soto Garrido.
García Porto destacou a importancia desta cita, que “confirma a riqueza do patrimonio fluvial da nosa provincia e de Galicia como escenario privilexiado para esta proba”, así como “un exemplo da capacidade da provincia para acoller probas deportivas de primeiro nivel e de repercusión nacional e internacional”. Trátase dunha cita que na súa primeira edición contou cun “éxito de participantes e de público” e, nesta segunda edición, a provincia de Lugo é punto de saída e acolle preto do 50% do trazado.
Esta regata, considerada a máis longa de Europa, ten un percorrido de 100 quilómetros que se levará a cabo ao longo de tres días.
Mañá, venres, arrancará a competición no entorno do río Miño, en Lugo, para continuar rumbo ás Fervenzas. Na sesión de tarde complétanse os preto de 50 quilómetros desta primeira regata con saída dende Portomarín e chegada en Chantada, pasando polo concello de Taboada. A proba continuará polo Ribeiro e o Albariño. “Unha proba como a Gold River Race supón un importante impulso á promoción do noso territorio e, en consecuencia, un impacto directo no comercio e na hostalaría pola chegada das persoas implicadas na loxística e dos equipos que participan na carreira”, destacou a Deputada.
García Porto recordou que estas iniciativas provocan un efecto chamada de cara “ao turismo sostible, de calidade, desestacionalizado e que pon en valor o noso patrimonio natural, cultural e gastronómico polo que traballamos dende a Deputación”. No acto desta mañá tamén se entregaron recoñecementos a referentes do piragüismo olímpico, como o regatista lucense Ángel Villar Varela, Chilares, representante estatal nos Xogos Olímpicos en México, e o medallista ucraíno Alexander Shaparenko.