A Fundación Legar abre ao público o novo Museo da Música de Raíz na Seara

RibeiraSacraXa
O centro reúne máis de 1.200 instrumentos musicais tradicionais recollidos polo músico e investigador Xavier Blanco
Inauguración do Museo da Música de Raíz na Seara
Inauguración do Museo da Música de Raíz na Seara
25 Nov 2024

A contorna natural do Courel e máis concretamente, o Concello de Quiroga, veñen de sumar un novo atractivo turístico á súa oferta da man do Centro de interpretación e sede da colección museográfica de instrumentos de raíz, situado na aldea de Seara. O espazo, inaugurado hoxe polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que recibiu unha axuda da Xunta para facelo realidade, incardínase na estratexia da Xunta de Galicia de potenciar os atractivos do territorio co fin de impulsar o turismo rural como un dos activos para consolidar un destino auténtico e sostible.

 Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia tivo palabras de agradecemento para todos os que participaron na materialización desta idea e en especial para a Fundación Legar que co seu traballo, leva recollida ao longo de máis de 40 anos todo tipo de documentación relacionada coa cultura tradicional. Ademais, posúe unha colección de máis de 1.200 instrumentos tradicionais galegos, todos eles clasificados seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais que agora se mostran neste espazo.

Referíndose ao centro de interpretación, Xosé Merelles salientou que “suma un atractivo turístico máis a un contorno natural de beleza incalculable como é o Courel e a un concello, como Quiroga, cun patrimonio arquitectónico propio da paisaxe de montaña”, factores que contribúen á revalorización do turismo da Comunidade Autónoma.

Ademais, subliñou o feito de que a aldea da Seara e o concello de Quiroga son paraxes cun importante atractivo turístico e cun gran impacto no turismo interior e de natureza, o que vén a respaldar “a política de desestacionalización que vimos fomentando desde a Xunta de Galicia.

Neste sentido, lembrou os últimos datos de ocupación hoteleira do INE que sitúan o crecemento rexistrado en Galicia tanto en viaxeiros aloxados como en noites pasadas por riba da media nacional. “Máis de medio millón de turistas e máis de 900.000 noites o pasado mes, onde o turismo internacional medrou ao ritmo do 13%”, destacou ao tempo que engadiu que “son datos que nos alentan a seguir apostando por esta política para así xerar riqueza derivada da actividade turística durante todo o ano”.

Sobre o Museo

O centro está instalado nunha vivenda tradicional que foi rehabilitada na Seara, un lugar que foi escollido “polo bo estado de conservación da arquitectura tradicional e da paisaxe” da serra do Courel. Os responsables do proxecto, Xavier Blanco e Martina Ferradás “pretenden que o centro non se limite a ser un lugar de exposición, xa que tamén mostrará como se tocan e como soan estes instrumentos e os visitantes poderán aprender a tocalos”. Ademais, haberá tamén obradoiros de restauración e de reprodución de instrumentos tradicionais.

Esta é a primeira parte dun proxecto que tamén comprende a realización de obradoiros e unha última parte que será a creación dun arquivo musical, xa que contan tamén con máis de 35.000 gravacións e numerosas partituras, sinalan dende o Concello de Quiroga.

Xavier Blanco, ademais da súa faceta de músico, recuperou ao longo da súa vida unha gran cantidade de instrumentos tradicionais como a gaita de cana de Moaña ou a zanfona diatónica, e dedicou boa parte do seu traballo a restauralos co fin de mostrar “que o folclore musical galego é moitísimo máis rico e variado do que se cre”.

O museo abrirá de forma regular todas as fins de semana, e acollerá visitas organizadas durante a semana.

 

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18373608589172