A FRUGA e o SLG piden medidas urxentes á Xunta para axudar ao sector vitícola
Desde a Federación Rural Galega FRUGA explican que, "un ano máis, cando se achegan estas datas previas a vendima, asistimos sempre aos mesmos movementos por parte da industria, aducindo a que aínda teñen viño en adega e que teñen excedentes".
Estas “ameazas” por parte das adegas elaboradoras, de ter dificultades para facerse cargo das uvas que producen as viticultoras e viticultores, teñen como obxectivo "provocar nerviosismo e incerteza entre o sector produtor, xa que unha vez a uva entra no seu grao óptimo de maduración hai que recollela ao se tratar de un produto perecedoiro e non pode agardar".
Polo que, desde FRUGA din que o obxectivo é "provocar unha baixada do prezo do quilo de uva, e a administración soamente adopta medidas cosméticas, mais non efectivas, como é o caso da Lei da Cadea Alimentar", din.
Porén, para procurar solucións a estas anomalías teñen de estar as administracións, neste caso a Consellería do Medio Rural, mediante a convocatoria das “Mesas do viño” para analizar e cotexar, xunto cos Consellos Reguladores das distintas Denominacións de Orixe e as Organizacións Agrarias a situación real do sector.
Mais unha vez máis comprobamos como, repetindo os mesmos erros, a Consellería "está ausente, botando balóns fóra co argumento explicitado pola señora conselleira de que “non pode intervir no mercado”. Tendo de conta esta situación, desde a Asociación Galega de Viticultura FRUGA, "solicitámoslle á señora conselleira que convoque de modo urxente a todos os sectores implicados para procurar unha solución a este problema que se ven anunciando desde xa hai uns días e que parece que se agrava canto máis nos achegamos ás datas da vendima, visando asegurar a recollida da uva a uns prezos xustos que cubran os custes de produción, tal como especifica a Lei da Cadea Alimentar, mediante o estabelecemento de contratos homologados onde se fixen os compromisos de prezo e recollida do produto", destacan.
Pola súa parte, desde o Sindicato Labrego Galego, din que lles chegaron cartas e chamadas ás persoas viticultoras confirmando que as adegas non van mercar uva este ano, polo que tamén lle piden á conselleira medidas para atallar a crise de excedentes na Ribeira Sacra, "que ameaza con levarse por diante a centos de pequenas e medianas viticultoras e viticultores e provocar un impacto sen precedentes na cultura vitivinícola da zona".
Así, din que dende que saltou a alarma dunha posible crise de excedentes na Riberia Sacra, "a Xunta de Galicia tentou restar importancia ás súas consecuencias fiando o equilibrio final entre oferta e demanda ao procedemento de destilación de crise".
Con todo, din que se precisa un espazo de traballo con representación de todos os axentes implicados "para poder deseñar un plan de actuación que salve a viticultura da Ribeira Sacra e impulse un modelo economicamente sostible para as persoas produtoras, respectuoso coa natureza e presevador da cultura vitivinícola que caracteriza esta zona".