A Festa da Castaña cumpriu 35 edicións poñendo en valor o patrimonio natural do Courel
A Xunta salienta a importancia da Festa da castaña que se celebra desde 1986 para poñer en valor a calidade dun produto característico e identificador da Serra do Courel, unha zona cunha gran tradición castañeira e na que os soutos son un elemento característico da paisaxe.
Así o destacou en Folgoso do Courel a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que asistiu este sábado ao evento gastronómico acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte.
Neste sentido, a responsable autonómica subliñou que os soutos e os castiñeiros son unha parte fundamental do patrimonio natural e paisaxístico de Galicia e, particularmente, do Courel, onde estas árbores e os seus populares froitos supoñen un dos elementos máis senlleiros e identificadores deste territorio.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia salientou que as festas son un aspecto fundamental na Estratexia de Turismo 2030 que ten como primeira misión presentar Galicia como un destino auténtico e diferencial. “Para iso, daremos un pulo especial a estas celebracións como recurso turístico e apoiaremos estratexicamente a xeración de proxectos tractores vinculados á enogastronomía”, anunciou.
Referíndose á XXXV Festa da castaña de Folgoso do Courel, declarada de interese turístico, Xosé Merelles subliñou que “todas estas citas suman atractivos no que a tradición e costumes se refire, pero tamén fan gala da nosa hospitalidade para quen nos visita”. Na actualidade, existen 140 festas declaradas de interese turístico de Galicia.
Ademais, o sector da produción de castaña é relevante no noso territorio, xa que Galicia é líder nacional na obtención deste produto e desde a Xunta séguese a potenciar a través do Plan Estratéxico do Castiñeiro. Cómpre destacar que existe un selo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, que forma parte da lista das 38 “Experiencias de Calidade” da Consellería do Medio Rural.
A Festa da castaña congrega desde fai 35 edicións a centos de persoas no municipio lucense de Folgoso do Courel para degustar gratuitamente o alimento estrela do outono. O pregón deste ano corre a cargo do cociñeiro do restaurante compostelán A Horta d’Obradoiro e o programa inclúe tamén actuacións de música tradicional así como o acto de entrega de trofeos do V Concurso de tapas castaña do Courel.