A Feira do Viño de Chantada puxo fin á súa edición número 42 cun gran éxito de asistencia

RibeiraSacraXa
Un total de 15 adegas participaron nesta edición, que da comezo á tempada de feiras do viño na Ribeira Sacra
feira-do-viño-de-chantada-2025
Feira do Viño de Chantada 2025
10 Mar 2025

Chantada celebrou este domingo o día grande da súa 42 Feira do Viño, despois de dous días de festa nos que as ganas de viño desafiaron á climatoloxía. Na súa derradeira xornada desenvolvéronse dous importantes actos: a entrega de premios da cata oficial e da cata popular que se celebraban este sábado en horario de mañá e de tarde, respectivamente, e a lectura do pregón a cargo de José Luis Blanco Diéguez, natural do Concello de Chantada e CEO da empresa alemana Nordex.

Acompañaban ao pregoeiro no palco de autoridades, o Conselleiro de Cultura, José López; a Conslleira do Medio Rural, María José Gómez; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e concelleiros do equipo de goberno e da corporación do Concello de Chantada, así como alcaldes doutros concellos da Ribeira Sacra e representantes doutras institucións.

O pregoeiro destacaba o orgullo de poder facer o pregón como natural de Chantada vinculado desde neno ao mundo viño e eloxiaba o traballo de adegueiros e viticultores, “Queridos viticultores que sen vós non habería feira nin posibilidades de degustar este excelente viño. Para min, nado nas ladeiras do monte Faro, montaña icónica de Galicia, pertencente a este concello, un neno da montaña, pero co viño nas veas, como neno cantineiro que fun, é un grande orgullo poder dar o pregón desta Feira do Viño”.

Un viño que asegurou “conta historias e abrir unha botella é un convite a compartir momentos. O viño de Chantada, co seu carácter único e inconfundible, é testemuña do esforzo e a dedicación dos nosos labregos/as viticultores/as, adegueiros/as que día a día coidan cada viña, cada cepa, cada acio, como un tesouro”.

A gastronomía, a familia, os amigos, a paisaxe foron ingredientes dun pregón que desexou para a Ribeira Sacra a declaración de Patrimonio da Humanidade e que lembrou aos pioneiros do sector. Neste apartado referiuse ao recentemente finado, Mario Vázquez Regal, “grazas pola túa contribución a posicionar esta Ribeira onde hoxe está”. Precisamente entre os actos de hoxe fíxoselle entrega dunha lembranza á viúva do adegueiro.

O pregoeiro animou á xente a coñecer Chantada e gozar con seus atractivos sen présa por marchar. Así volvería a referirse ao viño protagonista da cita, “Este viño é a esencia do que somos, un símbolo da nosa identidade e tradición. Durante esta festa, que cada copa que levantemos, sexa un brinde pola nosa cultura, pola nosa xente e, sobre todo, pola terra que nos alimenta. Que celebramos non só o viño, senón a conexión que temos co medio que nos rodea e coas persoas que comparten con nós esta experiencia.”

A intensa mañá deste domingo en Chantada tería tamén tempo para homenaxear á Banda de Gaitas Concello de Chantada que está de 35 aniversario. Recoñecemento terían asemade as 15 adegas participantes na Feira coa entrega dun obsequio por parte das autoridades presentes.

Na súa intervención o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, agradecía a presenza do pregoeiro, das autoridades e do público. Así, tivo palabras de enaltecemento para as adegas e viticultores que cada ano fan posible esta cita e fixo un chamamento a volver cada ano, “A xente cando vén a Chantada volve, a comer ben e beber ben. Vémonos en Chantada, ata o ano que vén”.

Despois das intervención chegaba o momento da entrega de premios. Na cata popular, na que puntuaron os viños 116 persoas, un 15% máis que o pasado ano, os viños máis destacados foron:

  • Albarduxe 2024 de Adega Albarduxe S.C.
  • Diego de Lemos Mencía Ecolóxico 204 de Adega Teijeiro Lemos S.L.
  • Cabo do Mundo Mencía 2024 de Adega Cabo do Mundo S.L.

Pola súa banda na cata oficial premiáronse 11 viños como os mellor valorados polo panel de cata:

VIDE GRAN OURO

  • Os Cipreses Rosado 2024 de Adega Os Cipreses / Rabelas Renovables S.L.
  • Albarduxe 2024 de Adega Albarduxe S.C.
  • 22º 2023 de Adega Alouviño S.L.

VIDE DE OURO

  • Condado de Sequeiras Godello 2024 de Adega Condado de Sequeiras / Grupo Peago S.L.
  • Calexotes Godello 2024 de Adega Calexotes / Edelmiro Domínguez González
  • Cabo do Mundo Mencía 2024 de Adega Cabo do Mundo S.L.
  • Lagar do Vento / do Peizás 2023 de Adega Enonatur /Roberto Regal López
  • Cabo do Mundo Mencía 2023 de Adega Cabo do Mundo S.L.
  • Os Cipreses Mencía 2023 de Adega Os Cipreses / Rabelas Renovables S.L.
  • Castrofiz Barrica 2022 de Adega Castrofiz / José Luis Fernández Pedreira
  • Cypressus 2023 de Adega Os Cipreses / Rabelas Renovables S.L.
⚙ Configurar cookies
0.67236804962158