A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra está "moi satisfeita" co desenvolvemento do I Encontro de Asociacións da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
No evento tiveron espazo para o debate os sindicatos agrarios SLG e UUAA, falando sobre a "grave crise desta vendima, que ten raiceiras estruturais"
FEARS-en-Arxeriz
3 sep 2024

Tras o I Encontro de Asociacións da Ribeira Sacra, promovido pola FEARS e celebrado en Arxeriz, a xunta directiva da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) está moi satisfeita co resultado e considera que debe seguir afondando na participación social e o debate sobre os problemas reais da zona, fronte o modelo da Xunta, "que consiste en impor un proceso xa predefinido de candidatura a Patrimonio Mundial que obvia o contexto sociodemográfico deste territorio".

No evento tiveron espazo para o debate os sindicatos agrarios SLG e UUAA, falando sobre a grave crise desta vendima, que ten raiceiras estruturais, sen que a Xunta poña riba da mesa medidas axeitadas. A este respecto, a FEARS apoia a mobilización convocada o venres 6 de setembro en Monforte ante o Consello Regulador da DO.

Tamén asistiron representantes da FAPACEL (ANPAS da provincia de Lugo), con quen houbo coincidencia na necesidade dun plan educativo para o ensino rural e a necesidade de profesorado estable e persoal de apoio suficiente para que as crianzas das comarcas da Ribeira Sacra non perdan dereitos educativos.

Ao encontro asistiron tamén persoas directivas da Federación Miño (asociacións de Ourense), da Federación de Asociacións de Valladolid e da Federación Estatal de Asociacións, que incidiron na importancia da participación veciñal á hora de conseguir servizos e dereitos para as persoas dos barrios e parroquias máis abandonados polas administracións, como é o caso da Ribeira Sacra.

Outros asuntos a debate foron a ameaza de macroeólicos en territorios de importancia ecolóxica, o problema da contaminación das augas, a importancia de aumentar a participación da mocidade no asociacionismo, a necesidade de traballo asociativo específico con enfoque de xénero ou as carencias da atención sanitaria na zona.

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra aproveitou a visita guiada ao Ecomuseo de Arxeriz para reivindicar a memoria da cultura ribeirá asolagada polos encoros do franquismo, en contraste co enfoque da candidatura a Patrimonio Mundial, que os ve coma un valor. O Ecomuseo de Arxeriz "demostra a importancia da investigación e recuperación da riqueza etnográfica da zona".

"Semella que o discurso da Xunta sobre o valor da candidatura muda segundo conveña á “marca Ribeira Sacra”, entendendo o territorio como un obxecto de consumo turístico e non como un espazo onde a cidadanía seña a protagonista", conclúen.

 

0.15949702262878