A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra critica a actuación "de fachada" da Xunta

RibeiraSacraXa
A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra critica a actuación da Xunta de Galicia no seu afán por converter a Ribeira Sacra en Patrimonio Mundial despois de que o Consello  de Patrimonio Histórico Español dera o visto bo á proposta da Xunta para que a Unesco teña en consideración, no 2026 como única candidatura do Estado español a Patrimonio Mundial, a Ribeira Sacra.
auga na Ribeira Sacra
8 Abr 2024

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra critica a actuación da Xunta de Galicia no seu afán por converter a Ribeira Sacra en Patrimonio Mundial despois de que o Consello  de Patrimonio Histórico Español dera o visto bo á proposta da Xunta para que a Unesco teña en consideración, no 2026 como única candidatura do Estado español a Patrimonio Mundial, a Ribeira Sacra.

Explican que dentro de 10 meses, en febreiro de 2025 deberán presentar o traballo do expediente, tal e como esixe a Unesco, para a súa avaliación, pero os cualificativos que a Ribeira Sacra recibe por parte dos representantes da Xunta de Galicia resúmense en “tesouros patrimoniais” e “valores senlleiros”, termos estéticos que amosan, segundo a Federación, o “fachadismo (de fachada) deste procedemento, e que non fan honra a esta nova candidatura".

O "aprazamento estratéxico" do 2021 obrigaba a “revisar, reformular, fortalecer e mellorar”, o que supuxo no prazo de tres anos neste territorio milenario, un cambio drástico no título da novela, da sacralidade da paisaxe histórica á paisaxe industrial da auga (resultado das infraestruturas recentes). Así, din que os argumentos que foron motivo de exclusión baseados na presencia dos encoros e a industria hidroeléctrica como transformadores artificiais da paisaxe en época contemporánea, son agora os valores engadidos deste territorio.

E engaden que os espazos que noutrora eran esenciais na Ribeira Sacra, como os mosteiros de San Pedro de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, son agora excluídos, "porque non abonda coa auga que conteñen os regueiros e fontes milagreiras dos mesmos".

Desde a Federación pregúntanse se “tesouro patrimonial de valores senlleiros" é como cualifican á rede de centrais hidroeléctricas, encoros e demais artificios e transformacións da paisaxe de xeito radical. "Imaxinamos que cedo incluirán os viñedos extensivos tamén como autóctonos e senlleiros da Ribeira Sacra, quedando a viticultura heroica nos libros de historia ou lendas, máis xa nos teñen acostumados a que eses son os seus principios, e se a ICOMOS non lle gustan, teñen outros. Están a construír un patrimonio mundial cunha dose elevada de “desmemoria”, critican.

Aspectos que debería incluír o proxecto

Desde a Federación lembran que "no tratado internacional da Convención sobre a protección do patrimonio mundial, cultural e natural, aprobado pola UNESCO en 1972 indícase que é preciso recoñecer nos patrimonios mundiais un valor universal excepcional, e a verdade é que Paisaxes da Auga abondan, paisaxes vinícolas inscritos na lista de Patrimonio Mundial temos exemplos coñecidos como o Rin en Alemaña ou o Douro en Portugal, encoros do franquismo temos tamén dabondo, aldeas asolagadas e patrimonio mergullado baixo as augas, exemplos en Galiza e o territorio peninsular en grande medida".

Así, subliñan que "esta Federación de Asociacións da Ribeira Sacra quere engadir argumentos de peso polos que a Ribeira Sacra si é unha paisaxe con valores excepcionais universais".

Pero tamén é exemplo "de extenso deserto demográfico, existe unha dificultade evidente de fixar poboación, o desamparo do sector primario é escandaloso por estar nun último plano e desatendido desde fai moito tempo, e en certas áreas en crise, existe unha dificultade sobresaínte na adquisición, rehabilitación ou aluguer da vivenda, a carencia de servizos sanitarios para a poboación é alarmante, a nula existencia de rede de transporte público é desesperante, especialmente para as persoas maiores que o sofren, dita poboación non se renova e polo tanto o índice de avellentamento é elevado, a baixa natalidade e limitada chegada de nova poboación implica unha rotunda falta de relevo xeracional, o escaso emprego que temos non é de calidade, as actividades agropecuarias levadas a cabo de xeito tradicional e mantidas co paso dos anos en comuñón coa paisaxe están severamente en risco de perda".

E din que "se falamos do patrimonio cultural e natural, este é agredido con frecuencia, xa que os proxectos de infraestruturas inxustificados esnaquizan as pegadas materiais e inmateriais durante séculos preservadas, o abandono absoluto das aldeas e as súas arquitecturas vernáculas e de alto valor etnográfico e cultural vense esmorecidas no chan ante a mirada impasibidade das administracións, o patrimonio artístico e histórico dos mosteiros senlleiros vese adoecido ou pola perda irremediable froito do desleixo ou polo deterioro da acción do turismo de masas como axente principal de degradación e a paisaxe está verdadeiramente ferida de morte polos problemas medioambientais, que comezan polos proxectos de parques eólicos que ameazan este territorio “tesouro” do que falan e rematan pola verdadeira realidade da auga".

E puntualizan que se hai que falar de auga, "poñamos a atención nos elevados niveis de contaminación das augas da Ribeira Sacra e fagamos un percorrido turístico polas macrogranxas que ao día teñen un consumo desorbitado de auga e unha clara ausencia de control dos xurros contaminantes".

Ribeira Sacra, Paisaxe da Auga pode ser, segundo a Federación, o título dunha novela de ficción en formato “contos breves que ten moita pegada para un selfie do Instagram ou tódolos ingredientes dunha traxicomedia de compadreo político, na que o 7 de febreiro o Goberno do estado español respondía ao PP de Galicia no Senado que “en caso de informe desfavorable, la candidatura fue retirada” e “de querer volver a ser evaluada, la candidatura debe reiniciar el proceso de presentación de su expediente desde el inicio (...) éste deberá variar sustancialmente del ya presentado”. Porén, critican que hai dous meses non había candidatura, "agora parece que si".

0.04384708404541