A Escola de Música Xeoparque Montañas do Courel acadou un cheo total no seu concerto de Nadal

RibeiraSacraXa
O seguinte concerto da escola será en Semana Santa
concerto-escola-musica-xeoparque
22 Dec 2025

Ribas de Sil arrancou as celebracións de Nadal o pasado venres cun cheo absoluto na Casa da Cultura para gozar do concerto inaugural da Escola de Música Xeoparque Montañas do Courel. A cita reuniu familias, veciños e amantes da música que quixeron apoiar e acompañar aos mozos músicos da comarca.

O concerto presentou un variado repertorio de sete pezas que abrangueron estilos como o pop, rock e a música galega, amosando a versatilidade e o talento do alumnado. A velada rematou coa actuación da banda Drag Rock, formada por estudantes da escola en Monforte, que recibiu numerosos aplausos do público.

A Escola de Música Xeoparque Montañas do Courel é unha iniciativa conxunta dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, en colaboración coa Escola de Música Moderna de Monforte. O seu obxectivo é achegar a formación musical á comarca e fomentar a cultura como motor de cohesión e desenvolvemento local.

As clases, impartidas por catro especialistas, impártense nos concellos de Quiroga e Ribas de Sil todos os xoves pola tarde, en horario de cinco a nove. Entre as especialidades que se ensinan están guitarra, baixo, piano e teclado, batería, canto e teoría musical.

Como parte da súa programación, a escola ten previsto realizar tres concertos ao longo do curso, un en cada municipio do Xeoparque. Tras o concerto de Nadal, haberá novas citas musicais en Semana Santa e en xuño, cun concerto de clausura.

⚙ Configurar cookies
0.0742027759552