A entrada e muralla monumental de Penas do Castelo de Salcedo están sendo restauradas
Os traballos de restauración da entrada e muralla monumental de Penas do Castelo en Salcedo, da A Pobra do Brollón, xa comezaron coa financiación da Consellería de Cultura da Xunta no marco do proxecto de ‘arqueoloxía de aldea’ Penas do Castelo.
Na campaña do ano pasado en Penas do Castelo, xa se localizou a entrada monumental do xacemento, datado na transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro. Na campaña deste ano, o obxectivo é deixar visitables tanto a entrada como o tramo correspondente de muralla.
Nos traballos previos á restauración, realizados nas últimas semanas, quedou a zona totalmente despexada e confirmou unha entrada externa de 80 cm de van e unha segunda de 2,5 metros, de carácter moito máis monumental. Entre ambos accesos, xérase un espazo intermedio pechado que actuaría como unha especie de trampa, segundo os seus investigadores.
‘A estrutura ten unha gran lóxica defensiva, mentres o potencial inimigo vese obrigado a pasar case dun en un pola primeira porta, os ocupantes do xacemento poderían saír en tromba dende a segunda e facer unha defensa efectiva,’ comenta Benito Vilas, arqueólogo director da cooperativa Árbore Arqueoloxía e Xestión.
A entrada é acorde coa gran muralla existente, primeiro elemento que chamou a atención do xacemento, debido á súa monumentalidade en relación á súa antigüidade. Na zona da porta consérvanse practicamente os 3 metros de altura e un espesor duns 8 metros.
Restauración
Aínda que a prioridade dos traballos previos era acondicionar o espazo para a restauración, unha vez retirado o derrubo da zona do van da entrada, apareceu unha liña de carbóns e pedras rubefactadas que se corresponden coa impronta queimada da antiga porta de madeira. ‘Estes restos son moi interesantes, xa que poderán ser analizados mediante Carbono 14 para datar o probable momento de abandono do xacemento,’ afirma Benito.
A restauración, afirman, resulta de gran complexidade pola monumentalidade e orografía do propio xacemento, aínda que o estado de conservación xeral é bo, tendo en conta a antigüidade e, sobre todo, o feito de estar construído en pedra seca, sen ningún tipo de morteiro.
‘Malia a conservación ser boa, algunha zona mantíñase por estar enterrada. Agora teremos que reforzar e consolidar esas zonas para evitar o colapso,’ comenta Alba Losada, restauradora directora.
‘O criterio vai ser de mínima intervención, dando prioridade á conservación, preventiva, garantido a estabilidade da estrutura. Será necesario consolidar e crear fiadas de sacrificio, para que actúen de escudo sobre a estrutura orixinal,” engade.
Apoio da Xunta de Galicia
Esta intervención está financiada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que leva investidos máis de 50.000 euros nos últimos tres anos; e no proxecto comunitario interveñen tamén a Comunidade de Montes e Asociación Veciñal de Salcedo así como o Concello da Pobra do Brollón.
A través desta colaboración, o xacemento está incluído no circuíto de visitas guiadas municipais e se levaron a cabo actividades divulgativas no marco da Semana Cultural de Salcedo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou 'a importancia de coñecer e rescatar o noso patrimonio histórico, que se integra na identidade de cada pobo e preséntase como un elemento cultural e un recurso turístico de primeira orde'.
Pola súa banda, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda comenta que ‘é un xacemento moi interesante para nós, que se complementa moi ben coa nosa outra oferta arqueolóxica. Agardemos que o vindeiro ano poidamos continuar cun convenio.’