A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural destacou en Sober as iniciativas en marcha
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou no Encontro de Sober, un foro económico centrado no rural galego que comezou onte, coa inauguración a cargo da conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Santé participou na mesa redonda sobre Recuperación, desenvolvemento e emprendemento no ámbito rural. Durante a súa intervención, a directora xeral salientou algunha das iniciativas que está a levar a cabo a Consellería do Medio Rural neste eido.
Destacou os resultados acadados a través do programa Leader executado en colaboración cos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que están espallados por toda a comunidade autónoma. Inés Santé definiunos como un bo exemplo “das iniciativas e novas ideas que hai no rural” e da “calidade dos proxectos impulsados”.
No período 2014-2023 o programa Leader supuxo a mobilización de máis de 169 millóns de euros no rural galego, cunha axuda pública de 84,9 millóns, o que permitiu a creación de preto de 1.000 postos de traballo e a consolidación de máis de 3.256. Lembrou tamén que a última convocatoria estivo dotada con 15,3 millóns que permitiron apoiar 318 proxectos.
Con respecto ao desenvolvemento económico nas áreas rurais, Inés Santé sinalou as dúas principais liñas de actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, centradas no aproveitamento do territorio galego con actividade agraria a través dos instrumentos implementados mediante a Lei de recuperación. Para conseguilo, a Consellería do Medio Rural está a facilitar o acceso á terra para poñela en produción, co fin de xerar actividade económica vencellada ao sector agrario e fixar poboación no rural.
Por outra banda, a Axencia impulsa tamén aquelas actividades non agrarias a través de diferentes liñas de achegas co fin de mellorar e ampliar os servizos públicos e as empresas destas zonas. Seguindo esta liña, destacou o Bono Activa Rural, unha das novidades que se incorporarán no próximo programa Leader. Será de utilidade para os autónomos e as pequenas empresas rurais e poderá ser concedido polos GDR e está destinado a aquelas persoas que inicien unha nova actividade económica, non agrícola, no medio rural. e euros de fondos propios.