A Devesa da Rogueira protagonizará a nova ruta cultural organizada pola UVigo

A programación de rutas culturais da Universidade de Vigo, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, continúa o sábado 8 de marzo cun percorrido pola Devesa da Rogueira-O Courel. Será o sétimo dos roteiros deste curso académico e, coma sempre, a inscrición está aberta aos membros da comunidade universitaria, que teñen preferencia, pero tamén á cidadanía en xeral interesada.
Con 13 quilómetros de distancia, percorrido circular e unha dificultade alta polo desnivel que se sorteará de subida e baixa, a andaina somerxerá ás persoas participantes na “xoia ecolóxica da serra do Courel”, achegándose á rica biodiversidade do seu bosque, onde predominan as especies autóctonas. Ao longo do camiño poderán ver “fervenzas, fontes naturais e panorámicas únicas”. Con esta proposta, os roteiros universitarios volven unha vez máis ao Courel, zona pola que teñen realizado ao longo destes anos diferentes rutas culturais.
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración.
Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer Galicia e a súa contorna, senón polo “bo ambiente que teñen e que fai sentir moi cómodas a todas as persoas que veñen con nós”.
Próximas rutas
Tras este roteiro polo Courel, a programación continuará o día 22 de marzo coa Ruta por Bande: Camiño de San Rosendo e Aquis Querquennis, seguindo as antigas vías romanas e outros puntos de interese relacionados coa figura de San Rosendo. A penúltima andaina universitaria, o 5 de abril, terá como escenario as Fragas do Eume, o “bosque atlántico mellor conservado de Europa”, e o Mosteiro de Caaveiro. Por último, para pechar a programación de rutas culturais do curso 2024/2025, a UVigo propón a realización dunha nova etapa do Camiño dos Faros, concretamente a que vai de Arou a Cabo Vilán, en Camariñas, o día 26 de abril.