A Deputación reedita as axudas a asociacións das Reservas da Biosfera

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Trátase de achegas por 83.
primer premio concurso fotos reservas biosfera deputacion
9 Abr 2022

Trátase de achegas por 83.000€ que, por segundo ano consecutivo, poden solicitar entidades sen ánimo de lucro para desenvolver proxectos vencellados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

A Deputación de Lugo reedita este ano, con 83.000€, a liña de axudas de concorrencia competitiva destinada a entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia institución, para desenvolver actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas. Así o aprobou este venres a Xunta de Goberno provincial, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

“Convocamos por segundo ano consecutivo esta liña de subvencións, unha medida que implantamos o ano pasado dentro do Plan de Impulso da Economía da Provincia, que puxemos en marcha dende a Deputación de Lugo para axudar na recuperación dos sectores produtivos fronte ó impacto da pandemia”, lembrou García Porto. Segundo explicou a voceira, “a experiencia do ano pasado foi moi positiva”, porque preto dunha vintena de asociacións de ambos territorios recibiron estas achegas, grazas ás que desenvolveron proxectos moi interesantes “que contribuíron de maneira importante a poñer en valor o territorio e a dinamizar a actividade social, cultural e económica”.

Trátase dunha iniciativa que inclúe dúas liñas de actuación, a primeira dotada con 45.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño e outra, por un importe de 38.000€, para iniciativas na Reserva dos Ancares Lucenses. O importe que outorgará a Deputación será de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto e o prazo para presentar solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

García Porto sinalou que con este apoio “fortalecemos unha rede de colaboración integradora, na que os colectivos locais e entidades sen ánimo de lucro propoñan e impulsen actividades no marco dos Plans de Acción que temos aprobados para as dúas Reservas, xestionadas pola Deputación de Lugo”.

Mellora das comunicacións en Lugo, a Montaña e a Ribeira Sacra

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación de tres novas obras para continuar mellorando a rede de estradas da Deputación de Lugo por un importe conxunto que supera os 660.000€.

Na LU-P-2901, de Lugo a Palas de Rei, adxudicouse un proxecto para acondicionar un novo tramo de 8 quilómetros, entre os puntos quilométricos 5,5 e 13,1. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal, e o prazo de execución é de 9 meses. García Porto lembrou que a Deputación está acometendo obras nesta mesma estrada entre os quilómetros 21,3 e 25, cun investimento de 175.000€, e que o pasado ano xa mellorou outro tramo, entre os quilómetros 3,3 e 5,4, ó que destinou 85.000€. Polo tanto, segundo lembrou a voceira socialista, a institución leva investido nos últimos anos 610.000€ nesta estrada, “tan importante para a vertebración dos concellos de Lugo e Palas de Rei”.

Na LU-P-1809, que comunica Chantada, Taboada e Antas de Ulla, quedaron adxudicadas as obras para a mellora da práctica totalidade da estrada por preto de 182.000€. O proxecto inclúe traballos en máis de 20 quilómetros, do total de preto de 25 q que ten a vía. O prazo de execución é de tres meses.

Por último, na LU-P-3505, de Navia de Suarna a Cervantes, adxudicouse tamén a mellora da práctica totalidade da estrada provincial cun investimento próximo aos 137.000€. Esta obra afectará a 26 quilómetros, dos 28 que conectan a localidade de Navia de Suarna con Donís. O prazo de execución tamén é de tres meses.

Granxa Gayoso

A Xunta de Goberno acordou a adxudicación, por un importe de 257.000€, do contrato para a subministración de diferentes produtos de uso agrícola e gandeiro para a Granxa Gayoso Castro da Deputación. Este contrato inclúe dous lotes: un para o subministro de fertilizantes e abonos, sementes, produtos fitosanitarios, conservantes ou aditivos; e outro para o subministro de concentrados e pensos, correctores vitamínicos e minerais, así como outros produtos destinados á alimentación do gando. O contrato ten unha duración de un ano, prorrogable anualmente ata un máximo de catro.

Rede provincial de Centros de Atención a Maiores

Por outra banda, licitouse o contrato para a prestación do servizo de mantemento integral dos elevadores e das portas automáticas dos centros de atención ás persoas maiores da Deputación de Lugo por importe de 16.625€. Inclúe as residencias de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, que están en funcionamento, e tamén as residencias de Navia de Suarna e Ribas de Sil, que está previsto abrir este ano. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable anualmente ata un máximo de catro anos.

Cooperación coa Axencia Tributaria

A Deputación de Lugo quedará adherida ao convenio subscrito entre a Axencia Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de recadación, un acordo que permite continuar co intercambio de información e colaboración entre a Deputación de Lugo e a Axencia Tributaria, como xa se viña facendo, no marco do traballo do servizo de Recadación que presta a institución provincial aos concellos.

Remanentes do Plan Único 2021

Na Xunta de Goberno desta mañá tamén quedou aprobada a solicitude do Concello de Guitiriz para utilizar remanentes do Plan Único 2021 para a execución dunha nova obra, en concreto, para mellorar un camiño nos Vilares, e para a adquisición de contedores de lixo. O importe supera os 40.000€, dos que máis de 16.600€ son da Deputación de Lugo.

Prazas de técnico superior informático

A Xunta de Goberno tamén aprobou o nomeamento para ocupar tres prazas de técnico superior informático que corresponden a prazas do grupo B, incluídas nas ofertas de emprego público dos anos 2017 e 2019. Realizada a proposta do tribunal e presentada a documentación polos aspirantes, realízase a proposta de nomeamento para que unha vez se publique no BOP  tomen posesión con efectividade do 16 de abril do 2022.

0.092763900756836