A Deputación reclama á Xunta medidas para frear a caída do uso do galego entre a mocidade
Aprobada unha moción socialista que reclama ao Goberno autonómico accións para garantir os servizos sanitarios na provincia de Lugo tras o deterioro da atención derivada da política de persoal da Xunta, baseada nos recortes.
A Deputación de Lugo pediralle á Xunta de Galicia que impulse medidas de fomento do uso para a lingua galega, especialmente para frear a caída de uso entre a mocidade, logo de que o propio balance do Executivo autonómico sinale que a partir do 2008 se aprecia un “importante descenso do bilingüismo con predominio do galego”. Así o acordou o Pleno provincial grazas aos votos a favor do PSdeG e do BNG -coa abstención do PP- a raíz dunha proposta presentada polo Goberno provincial.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, sinalou que no seu Plan de Dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 a Xunta recoñece que a partir do 2008 se aprecia “un importante descenso do bilingüismo con predominio do galego que se traduce nun aumento dos usos monolingües en castelán”. Valorou que nese balance o Goberno autonómico “vén de recoñecer así o fracaso do seu modelo lingüístico e que o suposto bilingüismo harmónico non é tal. É tan só unha cortina de fume para agochar unhas políticas pensadas para manter a situación de preeminencia do castelán”.
García Porto lamentou que organismos como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega veñen advertindo en datas recentes do retroceso no uso do galego, “unha situación que está a facer retroceder a lingua a niveis propios dos anos 90”.
Entre os indicadores máis alarmantes que sinalou a voceira socialista, “de acordo cos datos do Instituto Galego de Estatística no ano 2008 un 14% dos alumnos e alumnas de Galicia recibían todas as súas clases en galego. No ano 2013, apenas catro despois da chegada do PP ao Goberno da Xunta, esa porcentaxe caera ata o 2,15%. Os datos do 2018 ofrecen unha nova caída. Só o 1% dos e das estudantes galegas cursan a totalidade das dúas materias en galego. Ese é o resultado do Decreto de Plurilingüismo de Feijóo do ano 2010”.
A Deputada engadiu que dun xeito parello á caída do uso do galego no ensino evolucionou o investimento no fomento da lingua, que caeu un 22% nos orzamentos do ano 2022, situándose nuns 10 millóns de euros. “Este programa contaba no ano 2009, no último orzamento do bipartito, dunha dotación duns 17 millóns de euros. O recorte do PP nestes anos é de aproximadamente un 41%”, lembrou García Porto.
A Deputación acordou pedirlle á Xunta que faga seus e cumpra cos contidos da Carta Europea de Linguas Minoritarias, que garanta o ensino en galego en todos os niveis educativos e tamén no sistema público de universidades, que se estude o impacto que ten o acceso ao teléfono móbil por parte dos nenos e nenas como factor que fai retroceder no uso do galego e que se adopten medidas proactivas sobre esta materia. Ademais, a institución provincial insta ao Executivo autonómico a que potencie o investimento en contidos dixitais de calidade, en galego, dirixidos á mocidade, que o investimento no programa de fomento da lingua recupere, a lo menos, os niveis que tiña no ano 2009, e que a Xunta adopte medidas para fomentar o uso do galego na administración de Xustiza.
Servizos sanitarios na provincia
No Pleno celebrado esta mañá tamén saíu adiante unha moción socialista que recolle unha reclamación da Deputación de Lugo á Xunta de Galicia en materia de Sanidade. A voceira socialista do Goberno provincial expuxo a situación de deterioro da sanidade pública nos últimos meses, derivada da política de persoal da Xunta baseada nos recortes, no peche de servizos, en non cubrir as baixas ou as xubilacións e en impoñer cotas de traballo abusivas ou imposibles.
Pilar García Porto citou no Salón de Plenos as palabras do presidente do Comité de Atención Primaria da área sanitaria de Lugo, Carlos Castro Rivas, cando sinalou que “a presión é brutal, as condicións laboral son pésimas, os salarios baixos e o persoal xa non pode máis”, e argumentou que “todo iso é consecuencia da mala organización, da excesiva burocracia, a falta de recursos e, en definitiva, a mala xestión dende hai anos”.
Por concellos, a Deputada exemplificou que en Antas de Ulla moitos días só hai un médico cando antes había tres; Castroverde perdeu un; e en Baleira só atende un profesional; en Navia de Suarna triplícase a poboación no verán, pero non mandan máis médicos; tampouco en Pedrafita; no concello de Carballedo pecharon o centro de saúde de Castro; Foz so ten pediatría a media xornada; e noutros concellos como Alfoz e O Valadouro a pediatría é un servizo compartido; en Palas de Rei pasaron de 4 a 3 médicos; e en Taboada teñen só 2 médicos-.
A Deputación pídelle á Xunta que formalice de xeito inmediato as contratacións previstas nos cadros de persoal médico e de enfermería dos PAC, Centros de Saúde e Hospitais da provincia de Lugo; que adopte unha política de persoal racional, que cubra as baixas por enfermidade, xubilación ou vacacións e que incremente os cadros de persoal onde resulten insuficientes; que garanta o mantemento das especialidades existentes nos diferentes centros de saúde, para que non se vexan afectadas pola política de recortes, e non renuncie a ampliar o espectro de categorías profesionais nos centros de atención primaria; que actualice, mellore e dignifique as condicións laborais que teñen os profesionais da sanidade pública; e que adopte medidas para incentivar a formación e a contratación de expertos en pediatría.
PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, o PP di que “non se entende nin xustifica” que PSOE e BNG voten na Deputación en contra da posta en marcha da planta de biogás do centro de recría, que custou 1,5 millóns e nunca funcionou. Aseguran que as instalacións foron concibidas para xerar un aforro anual ás arcas provinciais de 300.000 euros, a prezos da enerxía do ano 2015, e nunca foron postas en funcionamento.
O deputado popular Francisco Balado avisou no debate de que cada ano que pasa hai máis risco de que se deterioren os elementos mecánicos que conforman a planta de biogás o que encarecerá a súa posta en servizo.
Ademais, o PP conseguiu sacar adiante, co apoio do BNG, a súa moción para instar ao Goberno central a manter, como mínimo, o número actual de paradas das liñas estatais de autobús ao seu paso pola provincia de Lugo.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, afeou a abstención dos alcaldes socialistas que están afectados polo anteproxecto da Lei de Mobilidade, no que se eliminan paradas nos seus concellos, como é o caso de Pedrafita do Cebreiro.
O BNG comprometeu á corporación provincial na defensa dos itinerarios e paradas das liñas estatais de transporte público na provincia, ao aprobarse unha moción en contra do recorte de servizos prevista polo executivo central no anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible, que recolle na súa proposta inicial a supresión de nove paradas nas liñas que percorren a A6 e a A52, afectando aos concellos de Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Chantada, Quiroga, Palas de Rei, Monterroso e Pedrafita do Cebreiro e as súas zonas de influencia.
“O Goberno ten que modificar este plan e reconsiderar a proposta para evitar a perda dos servizos existentes”, sinalou o voceiro nacionalista Efrén Castro que apuntou que “este modelo obriga as veciñas e veciños desta zona a utilizar o coche particular. Nin é sostible, nin facilita a mobilidade, en contra do que propugna a norma no seu preámbulo”, razoou.
O deputado defendeu que “é o momento de poñer esta proposta en coñecemento da opinión pública e de facer as achegas e críticas que se consideren porque é o momento no que ten volta atrás” e concluíu reclamando ao goberno do Estado que “non siga discriminando Galiza e a provincia de Lugo, reducindo aínda máis as opcións de mobilidade das que dispón a cidadanía, especialmente nas zonas de montaña e do interior”.
A iniciativa, aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE, demanda ao Goberno do Estado “que reconsidere a proposta de actualización das concesións de transporte colectivo por estrada, evitando a perda ou redución dos xa escasos servizos da actualidade e buscando pola contra o seu reforzo”.
SOBERANÍA ALIMETARIA
O Pleno tamén aprobou a moción do BNG para reclamar á Xunta de Galiza medidas para reactivar a zona de regadío do Val do Lemos coa produción de cereais. A deputada nacionalista e responsable de Medio Rural, Mónica Freire, expuxo á corporación provincial a iniciativa, que reclama ao goberno galego actuacións para poñer en valor as 2.000 hectáreas desta zona coa elaboración dun Plan de Recuperación de terras de aptitude cerealista.
En contra do argumentado polo PP, que votou en contra da iniciativa, Mónica Freire sinalou que “existe demanda de superficie agraria e de regadío” e afondou nas condicións que ofrece a zona para o cultivo de cereais, expoñendo estimacións de rendemento que apuntan que as 2.000 hectáreas poderían producir o 40 por cento do trigo e millo gran que se produciu en Galiza ano 2019 ou o millo forraxeiro que precisarían 900 explotacións medias de vacún de leite galegas.
“Galiza debe reducir a dependencia de materias primas do exterior dadas as condicións que se están dando tanto desde o punto de vista do cambio climático como da escaseza dos cereais nos mercados internacionais. Pero tamén debe facelo porque dispón da potencialidade suficiente para producir estes insumos”, defendeu a deputada nacionalista, que reprochou ao goberno galego a “perda de superficie agraria útil” e a desatención “aos problemas reais dos gandeiros e labregos galegos”
Con esta moción, o BNG puxo sobre a mesa o traballo iniciado para a posta en valor da produción agraria no Val de Lemos durante a etapa de goberno nacionalista na Xunta de Galiza, paralizado desde a chegada ao goberno do Partido Popular.