A Deputación reclama á Xunta a supresión das ensinanzas de ESO e BAC no IES Val do Asma de Chantada
A Deputación de Lugo pediralle á Xunta de Galicia que manteña as ensinanzas de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e bacharelato no IES Val do Asma de Chantada, logo de coñecerse as pretensións do Goberno galego de deixar o centro só para a docencia de Formación Profesional. Así o acordou este martes o Pleno provincial por unanimidade das tres forzas políticas representadas na Corporación -PSdeG, BNG e PP- a raíz dunha proposta presentada polo Goberno provincial.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, asegurou que a proposta da Consellería de Educación para o IES Val do Asma “vai contra toda lóxica”. Explicou que este curso no centro estudan 188 alumnos e alumnas, dos que 60 deles están en Formación Profesional, 128 cursan Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, e “pretenden mandar a preto de 130 estudantes ao IES Lama das Quendas cando neste centro xa manifestaron que non teñen infraestruturas suficientes para tantas persoas”.
García Porto lamentou que o Goberno galego non se reunira cos representantes das Anpas, nin coas familias dos concellos afectadas, nin cos veciños dos municipios de Chantada e Carballedo, para lles explicar a súa intención de pechar este centro. “Deberían buscar a opinión da comunidade educativa e non que se decaten a través da prensa desta importante noticia”, dixo.
“O PP di que vai tomar esta decisión para potenciar a Formación Profesional neste instituto cando nos últimos anos pasou de impartir 5 ciclos educativos a ter agora só 3, algo que non se explica se é o que quere impulsar”, asegurou a Deputada, no canto de “potenciar outros como os vinculados aos servizos sociais ou a viticultura que ten tanta demanda na zona da Ribeira Sacra”. Incidiu en que, unha vez máis, “a desfeita vólvese facer nun instituto da nosa provincia e percibimos que o PP ten un obxectivo claro, que é empeorar a oferta do ensino público e nalgún caso orientala cara a súa desaparición”.
Outro dos problemas que traería esta decisión da Consellería de Educación, segundo García Porto, sería a xestión do comedor escolar. Agora mesmo o alumnado do IES Lama das Quendas vai xantar ao IES Val do Asma, polo que esta decisión “só faría aumentar o número de estudantes que farían esta peregrinación culinaria que leva aos alumnos e ás alumnas dun centro a comer ao outro e, se no futuro pecha tamén o Val do Asma, quedarían sen comedor”.
A Deputada incidiu en que o Partido Popular “volve a un modelo educativo do século XIX, que pretende ser completo no eido urbano e inexistente no rural”, provocando un sistema de “dúas velocidades, e dependendo de onde naces, circulas nunha ou noutra”. Lembrou outros exemplos de recortes educativos na provincia, como o caso de supresión de materias no IES de Becerreá, a pretensión de agrupar o conxunto do alumnado do CEIP das Nogais, ou o peche do CEIP de Baamonde.
García Porto explicou que isto é unha evidencia máis do “interese da Xunta do PP de desmantelar os servizos públicos no rural, incluído o ensino”, destacando que no curso 2021- 2022 Galicia conta con 625 docentes menos que o curso anterior, a pesar das condicións impostas pola pandemia no eido educativo e cando a maioría das comunidades autónomas incrementaron as contratacións e a Xunta recibiu fondos extraordinarios por importe de 827M€ por parte do Estado para reforzas os servizos públicos.