A Deputación esixe á Xunta a posta en marcha dun Plan Integral para o Hospital de Monforte

A Deputación de Lugo aprobou na sesión ordinaria do Pleno deste martes unha proposta de Goberno que insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha un Plan Integral de dotación e recuperación de servizos para o Hospital de Monforte. A iniciativa, impulsada polo Grupo Provincial Socialista, contou co respaldo do BNG e co voto en contra do Partido Popular, e busca rematar coa situación de precariedade que vive este centro sanitario de referencia para a Ribeira Sacra, que atende a unha poboación superior ás 42.000 persoas.
A voceira do Goberno, Pilar García Porto, defendeu a proposta denunciando a falta de atención dos sucesivos gobernos do PP cara á sanidade pública no rural e, en particular, a situación crítica que atravesa o Hospital de Monforte. "A falta de profesionais en especialidades como Hematoloxía, Dixestivo, Psiquiatría, Rehabilitación, Pediatría, Radioloxía, Laboratorio e Dermatoloxía, unida á ausencia de investimentos e á falta de cobertura de baixas e vacacións, reflicte a desidia coa que o PP trata a sanidade pública no rural", subliñou García Porto.
Un dos exemplos máis graves desta situación é a avaría do mamógrafo do hospital, que leva sen funcionar con normalidade dende xuño de 2024. "As mulleres que precisan facerse unha mamografía atópanse cun escenario surrealista: se as imaxes non son lexibles, son derivadas ao HULA para repetir a proba. Esta situación, ademais de ser inadmisible, pon en risco a saúde das pacientes", denunciou a deputada socialista.
A proposta aprobada no Pleno reclama a reparación ou substitución inmediata do mamógrafo, a dotación de especialistas para garantir unha atención sanitaria de calidade e a cobertura das baixas e vacacións para evitar que a calidade do servizo dependa do sobresforzo do persoal sanitario.
"Dende Fraga comezaron os recortes en Monforte e lanzaron moitas promesas, promesas incumpridas como a última, na que anunciaban un investimento de 15 millóns de euros que finalmente quedou en 1,5 millóns de euros, o que resulta un insulto á veciñanza que precisa unha atención digna", afirmou a deputada.
Condonación da débeda
Ademais, na sesión plenaria tamén saíu adiante unha moción do Grupo Provincial Socialista instando á Xunta de Galicia a aceptar a oferta de condonación da débeda feita polo Goberno de España. A iniciativa contou cos votos a favor de socialistas e nacionalistas e co rexeitamento do Partido Popular. Esta medida permitiría reducir a débeda pública galega en 570 millóns de euros, liberando recursos que poderían destinarse á mellora dos servizos públicos, incluída a sanidade.
García Porto criticou a negativa do PP a aceptar esta condonación, que beneficiaría a Galicia do mesmo xeito que a outras comunidades autónomas. "O Goberno galego vai pagar este ano 1.700 millóns de euros en débeda, pero rexeita que lle perdoen 570 millóns. Isto demostra que o PP prioriza os seus intereses partidistas sobre as necesidades reais da cidadanía", afirmou a voceira socialista.
A deputada incidiu en que Rueda declarou que precisaría 500 millóns de euros para garantir a prestación dos servizos públicos no rural. "É só un exemplo do que se podería facer cunha cantidade como a que o Goberno de España propón condonar", concluíu.